A estrea de ‘A forma das cousas’ acollerá o lanzamento do programa Cultura en Familia

Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado conforman o elenco deste espectáculo teatral  producido por La Yogurtera e dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, quen adapta o texto do dramaturgo Neil LaBute. A obra conta coa música en directo de Pablo Seoane e céntrase, a través do humor e da ironia nas relacións persoais entre catro personaxes influídos polas aparencias e a necesidade de encaixar nunha sociedade que prima o superfluo. A obra estréase este venres 18  ás 20:30 horas no Teatro Colón.

formacousas3

A forma das cousas propón unha comedia negra ao redor de catro personaxes que se ven envoltos nunha serie de accións nas que a manipulación afecta as relacións interpersoais, a amizade e mesmo a evolución humana. O equipo artístico que sobe ao escenario complétase co pianista e compositor Pablo Seoane, un auténtico referente no panorama musical galego, que interpretará a música en directo en cada representación. Ademais, no equipo reunido por La Yogurtera SL, tamén destacan outros grandes nomes do sector teatral, como é o escenógrafo Suso Montero, con longa e premiada traxectoria en teatro, cine e televisión.

Trátase dunha obra que interpela directamente ao público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que máis tarde ou máis cedo todos debemos responder sobre o amor, a vida e a evolución persoal. Dese xeito, a montaxe retrata a través dun humor afiado e cheo de ironía unha sociedade na que as aparencias superan calquera outra consideración e na que a proxección do que desexaríamos ser, por riba do que somos, é unha constante para todos.

Con esta función arranca o programa Cultura en Familia

Coincidindo coa estrea de ‘A forma das cousas’ o Teatro Colón e a UDC (Universidade da Coruña) poñen en marcha o programa Cultura en Familia. Un voluntariado no que alumnos de Educación Social realizarán diversas actividades cos nenos mentres os seus pais desfrutan da obra de teatro, a idade mínima dos nenos que se poderán acoller a este programa é de tres anos.

CULTURA EN FAMILIA

O obxectivo é ofrecer ás familias con fillos unha oportunidade para o ocio. Trátase dunha experiencia piloto que polo momento se levará a cabo só con algún espectáculo teatral concreto. O primeiro deles será este venres 18 na estrea de ‘A forma das cousas’ e o segundo o vindeiro sábado 9 de abril para a función de ‘El Retablo de las Maravillas’ de Morfeo Teatro. Mentres os pais ven a obra de teatro os nenos farán diversas actividades acompañados dos alumnos de Educación Social que estarán vinculadas dalgún xeito coa proposta escénica.