Slider_CABARET

Chega ao Teatro Colón o musical ‘Cabaret’

  • O clásico de Broadway, que celebra o seu 50 aniversario, poderá verse do xoves 11 ao domingo 14 cun total de sete funcións

No marco da xira conmemorativa do 50 aniversario da súa estrea en Broadway chega ao Teatro Colón ‘Cabaret’. A peza, un clásico do teatro musical poderá verse o xoves 11 de maio ás 21:00 horas, o venres 12 e o sábado 13 ás 18:00 e ás 22:00 horas e o domingo 14 ás 17:00 e ás 20:30 horas.

Cabaret’ estreouse en 1966 no Broadhurst Theatre, producido e dirixido polo mítico Harold Prince. Anticipando a celebración do seu 50 aniversario, o 18 de outubro de 2015 estreouse no Teatro Rialto de Madrid esta nova produción da versión orixinal estreada en Broadway, adaptada e dirixida por Jaime Azpilicueta. A proposta consagrouse coma o grande éxito da tempada con máis de 200.000 espectadores, permanecendo en cartel ata o 12 de xuño de 2016. Ao éxito de público sumouse o recoñecemento da profesión. Foi escollido como o mellor musical en Madrid na 9ª edición dos Premios de Teatro Musical, resultando gañador en 8 das 15 categorías.

En 1972 foi levado á gran pantalla baixo a dirección de Bob Fosse, recibiu 8 premios Oscar, 12 premios Tony, 3 premios Olivier e 3 premios Drama Desk. ‘Cabaret’ representouse en máis de 50 países e foi traducido a máis de 30 idiomas. Conta con algunhas das cancións máis emblemáticas da historia dos musicais: Willkomen, Cabaret, Money Money, e está considerado coma unha das obras mestras do teatro musical de todos os tempos. A súa intensidade dramática, a profundidade dos seus personaxes e a súa partitura fan de ‘Cabaret’ unha peza única que todo o mundo debería ver.

Cabaret 01 Willkommen Baja

Esta xira do 50 aniversario que comezou en setembro de 2016 percorrerá 33 cidades, ofrecendo máis de 500 funcións ata o seu peche en febreiro de 2018. Unha oportunidade única para que os amantes dos grandes musicais poidan gozar desta obra mestra.

Señoras y señores, ladies and gentlemen, meine damen und herren, acepten o convite do noso mestre de cerimonias e deixen os seus problemas fóra. Aquí a vida é divina. Willkommen to CABARET!.