Chicago Mass Choir clausurará o Festival Os Grandes do Gospel o 23 de decembro no Teatro Colón

Durante o mes de decembro volve a Galicia o Festival Os Grandes do Gospel que visitará as cidades de Vigo, Narón, Ourense, Santiago e Coruña do 20 ao 23 de decembro coas corais Chicago Mass Choir e The Voices of Jubilation. Os 18 compoñentes do Chicago Mass Choir serán os encargados de clausurar esta terceira edición do festival o mércores 23 de decembro. As entradas xa están á venda con prezos de entre 15 e 25 €.

As dúas corais presentarán tributos a B.B. King e Ray Charles, tal e como explicou na presentación o director do ciclo, Luis Manjarrés: ‘No se trata de un repaso a los grandes temas de B.B. King y Ray Charles, son tributos hechos desde las raíces del gospel’. A coral Voices of Jubilation presentará ‘Singing Gospel Christmas For Ray Charles’ o 20 de decembro no Teatro Principal de Ourense e o 21 de decembro no Auditorio Mar de Vigo. Por outra parte o Chicago Mass Choir presentará ‘A Spiritual Tribute to B.B. King’ o 21 de decembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, o 22 de decembro no Pazo da Cultura de Narón e o 23 de decembro no Teatro Colón da Coruña.

O festival de Gospel nas datas de Nadal consolidouse entre a xente que ama a música como un fenómeno interxeracional onde é habitual ver xuntas a varias xeracións dunha mesma familia gozando do mesmo espectáculo. A orixe do gospel vincúlase á emigración negra sureña na cidade de Chicago, temporalmente vincúlase coa Gran Depresión e os anos 30 e o seu gran propulsor e figura central foi Thomas A. Dorsey. A música gospel foi un bálsamo e unha mensaxe de esperanza nun tempo histórico sen ilusión. Moitos dos artistas afroamericanos máis importantes teñen a súa orixe no gospel: Pharrell Williams, John Legend, Chris Brown, Aretha Franklin, Ray Charles e un longo etcétera.

Tributos a B.B. King e Ray Charles

‘A Spiritual Tribute to B.B. King’ é unha homenaxe do Chicago Mass Choir ao rei do blues e lenda da música popular americana. O coro reproduce neste tributo a música puramente gospel que gravou o gran mestre en 1959, nun disco que publicou o selo CrownRecords e co que volveu ás tradicións das igrexas pentecostais da súa nenez.

Chicago_Mass_Choir

Voices of Jubilation homenaxean a Ray Charles en ‘Singing Gospel Christmas For Ray Charles’. Esta coral fórmase en 1998 por iniciativa do reverendo Stephanie Minatee, colaboraron con artistas da talla de Queen Latifah co que gañaron un premio Grammy ao mellor álbum de gospel tradicional. Tamén acompañaron a Ray Charles en moitas ocasións e participaron no seu último disco.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.