Crise cultural? Dous artistas vidos a menos rinse dela

Teatro do Noroeste utiliza a risa como vía de escape para afrontar a crise actual no espectáculo Linda and Freddy, ilusionistas. Un espectáculo comprometido coa realidade máis actual e complexa co que pasaremos unha boa tarde o vindeiro venres 23 de xaneiro.
A obra amósanos a unha parella de artistas que anhelan o tempo no que o seu traballo era recoñecido e admirado e as grandes xiras coas que percorrían toda Europa. Hoxe, vidos a menos, pasan as horas recordando os bos momentos e artellando posibles solucións para saír desa situación. Retirados, posiblemente á forza da actividade escénica, agardan a chamada que lles devolverá esas xiras interminables. Vai pasando o tempo e os dous comezan a pensar que poida que esa chamada non se produza nunca.

299
Linda e Freddy, ilusionistas é unha comedia con toques surrealistas que se sitúa nun entorno de crise, cunha sociedade crispada na que moi poucos se atreven a saír á rúa. No medio de todo estes conflitos os nosos dous protagonistas agardan nunha estancia, case en ruínas e rodeados das escenografías e vestiario que recordan un pasado mellor, esa anhelada chamada. Eduardo Alonso e Luma Gómez son os protagonistas desta descarnada comedia na que nos convidan a reflexionar sobre se o futuro debe estar á beira dos cartos e bancos ou da cultura e do coñecemento.
Rock e música clásica para despedir a semana
A programación para a vindeira fin de semana complétase con dous concertos: o de Khitara o sábado 24 ás 20:30 horas e o do Tempest Trío o domingo 25 ás 20:00 horas – dentro do Ciclo de Grandes Intérpretes que nos ofrece a posibilidade de gozar do mellor da música clásica a nivel internacional-.
Capitaneado polo músico José Carballido Khitara ofrécenos unha viaxe íntima pola historia do rock, arranxando e reinventando para un conxunto instrumental de catro guitarras e percusión temas de grandes bandas como Led Zeppelin, Deep Purple, Queen, Pink Floyd, Scorpions, etc.
O domingo 25 ás 20:00 horas pechamos a semana por todo o alto co concerto do Tempest Trío. Combinando dominio da técnica e profundidade expresiva o pianista Alon Goldstein, o violista Ilya Kaler e o violonchelista Amit Peled (que tivo a honra de recibir o Gofriller de Pau Casals) ofrecerán un concerto único con obras de Rachmaninov, A. Dvorak ou Schumann. Como actividades paralelas ao concerto o trío ofrecerá unha masterclass e varios alumnos do conservatorio actuarán como teloneros.