El peñón es nuestro, unha parodia da política actual

O venres 19 ás 20:30 horas chega ao Teatro Colón a sátira ‘El Peñón es nuestro’, escrita por José Manuel Lechado e dirixida por Rosa Fernández Cruz ironiza sobre a política actual levando as situacións ao extremo. O xoves 18 ás 21:00 horas continúa o ciclo Xoves de Música co concerto da Orquesta Sonoridad e o domingo 21 ás 19:00 horas a compañía de teatro afeccionado Noite Bohemia presenta ‘Las Euménides’.

‘El Peñón es nuestro’ estreouse no espazo off do teatro madrileño La Latina. Trátase dunha parodia da política actual que de seguro non deixará indiferente a ninguén. Os actores Juan Carlos Muñoz e Juan Carlos Arráez contan coa colaboración virtual de Alex O’Dogherty para protagonizar esta comedia que nos amosa unha España imaxinaria arruinada e desgobernada que se debate entre o presidente conservador don Mario de la Fe y de la Paz e a alternativa tamén conservadora do opositor Adolfo da la Rubia.

Penon_nuestro

Esta disparatada comedia deixa lugar tamén para a reivindicación e a crítica, os dous actores protagonistas interpretan a varios personaxes e dan vida ao gobernante e á oposición que, neste caso, coinciden na falta de sentido común. As súas medidas disparatadas, lonxe de sacar ao país da crise, irano sumindo nunha esperpéntica situación.

A Orquesta Sonoridad rende homenaxe ao Nova York da década dos 60

O xoves 18 ás 21:00 horas a Orquesta Sonoridad acompañada do grupo de baile Mambo Sins presenta o concerto ‘New York Salsa Tribute’, unha homenaxe ás orquestras de salsa que proliferaron nos anos sesenta e setenta no Caribe e na cidade de Nova York. O concerto enmárcase dentro do ciclo Xoves de Música, patrocinado por Superbock Negra Sin e Gadis e que trata de facer visibles os grupos de música de comunidade.

Orquesta Sonoridad - Xoves 18 de febreiro

O domingo 21 a compañía de teatro afeccionado Noite Bohemia presenta ‘Las Euménides’ de Esquilo, a culminación do tríptico troiano que pecha a sanguinolenta triloxía sobre o trono de Argos. O sábado 20 Leo Harlem presenta ‘Hasta aquí hemos llegao’, as entradas para este espectáculo –no que o cómico leonés estará acompañado de Sinacio e Sergio Olalla- están esgotadas.