Concerto

Big Band e Coro do Conservatorio Superior de Música da Coruña

PROGRAMA:
“Sacred Concert” de Duke Ellington para Big Band, coro e solistas vocais.

Director Big-Band: Traugott Graser
Director Coro: Fernando L. Briones
Solista vocal: Tabea Graser

Sendo intérprete e director dunha das bandas de jazz máis importantes do século XX a faceta de compositor de Duke Ellington moitas veces pasa desapercibida, a pesar de que tanto por volume como por novidade creativa a súa obra en termos absolutos atópase entre os máis relevantes legados musicais do século XX.

Máis desapercibido aínda pasa o feito que Ellington tamén compuxo música relixiosa: á idade de 66 anos recibiu o encargo de compoñer música para unha serie de concertos que se celebrarían en igrexas repartidas en toda a xeografía dos Estados Unidos. Aceptouno inspiradamente e o resultado foron os “Sacred Concert I, II e III”. Ellington e a súa banda leváronos de xira en Estados Unidos e Europa entre os anos 1966 e 1974.

Ao contar en moitas ocasións con coros e solistas locais, os arranxos puideron variar entre unha e outra representación segundo o material de voces dispoñibles. Ante estes feitos no ano 1993 John Hø ybye e Peder Pedersen (ambos os dous compositores e directores de Dinamarca) crearon un partitura que reúne material dos tres concertos nunha partitura cun arranxo definitivo para banda, solistas e o coro, que ten un protagonismo especial e reforzado nesta versión que imos interpretar e que se chama simplemente “Sacred Concert”.

Con este proxecto ofreceremos unha música que nunca antes se presentou en Galicia e que tanto para un público interesado en jazz como en música clásica é unha delicia que de cando en cando se pode escoitar en directo.