Teatro

CORUFEST | Manual básico de lengua de signos para romper corazones

CORUFEST

 

Lucho é xordo, pero Jaime ten moito que contarlle. É inverno, e os dous acaban de coñecerse. O primeiro coqueteo nun centro comercial desembocou nun paseo polas rúas de Madrid, onde os seus pasos os levan cara ao piso de Jaime. É evidente que se gustan, e Jaime esfórzase por vocalizar moito para que Lucho poida descifrar os seus beizos.

Lucho ensínalle a Jaime lingua de signos e convértese nunha presenza habitual na casa, co permiso de Pote, o seu compañeiro de piso. Entre palabras e signos, namóranse a trompicóns, mentres rompen as súas coirazas, os seus mundos chocan e Jaime indaga na misteriosa intimidade de Lucho, que inclúe á súa irmá Juana, tamén xorda.

E, mentres tanto, Jaime progresa coa lingua de signos grazas aos exercicios prácticos que lle propón Lucho. “Hoxe imos finxir que o deixamos, vouche ensinar a romper en lingua de signos”, propón. Pero, cales son os signos que necesitas coñecer para romper o corazón de alguén? Quizais sexa mellor non aprender a expresar certos sentimentos, porque as historias de amor que parecían ideais poden comezar a tambalearse con cada novo descubrimento.


De ROBERTO PÉREZ TOLEDO: director e guionista canario. Aos tres anos diagnosticáronlle unha atrofia espinal conxénita, a cal lle provocaría unha progresiva debilidade muscular ata que, con 14 anos, esta dexeneración dos seus músculos fixo que tivese que usar unha cadeira de rodas para poder desprazarse. Xa de adolescente, comezou a escribir guións e a experimentar coa cámara. Máis tarde, trasladouse á península e estudou Comunicación Audiovisual na Universidade Pontificia de Salamanca.

Realizou máis dunha trintena de curtametraxes, nas que contou con actores como Nacho Aldeguer, Verónica Echegui, Álex García, Javier Calvo e Elena Furiase, entre outros. En 2011, deu o salto á longametraxe con Seis puntos sobre Emma, coa que obtivo as Biznagas de Prata á Mellor Actriz (Verónica Echegui) e ao Mellor Guión no Festival de Málaga, así como o Premio do Público e o Premio á Mellor Ópera Prima en Cinespaña (Francia).

En xaneiro de 2022 estreou a súa primeira obra de teatro, Manual básico de lingua de signos para romper corazóns, unha historia de amor entre mozos con discapacidade, no Teatro María Guerrero, con produción do Centro Dramático Nacional.

Faleceu o 31 de xaneiro de 2022, unha semana despois de sufrir un accidente cerebrovascular do que non puido recuperarse.

Esta nova posta en escena de Manual básico de lingua de signos para romper corazóns é a nosa particular homenaxe a Rober.