Música

Fanzine Fest | Ke Lepo & Felix Buff + Músculo!

FANZINE FEST

 

Fanzine Fest é o festival de música electrónica de vangarda de referencia no noroeste de España. A cidade da Coruña acolle desde hai 11 anos, na primeira semana de decembro, unha experiencia sonora e visual que congrega na localidade aos seguidores da electrónica máis plural e diversa.

O festival, impulsado por Fanzine Project, é unha proposta para gozar cos cinco sentidos. Artistas de recoñecida traxectoria, tanto dos sons máis avanzados como das artes visuais, forman parte nunha programación selecta, equilibrada e multidisciplinar que se expande por recintos icónicos da cidade.

KE LEPO & FÉLIX BUFF

Ke Lepo é o proxecto musical de Alejo Orbegozo, centrado na experimentación electrónica e a exploración sonora desde o sintetizador. En 2023 publicou Izpi, o seu primeiro álbum de longa duración no selo Forbidden Colours, onde conflúen o ambient, o avant-garde e o synthwave. A súa música xorde do ensaio-erro, da improvisación e dunha curiosidade inesgotable, dando forma a unha linguaxe emocional, introspectiva e aberta. En 2025 presenta unha nova interpretación en directo de Izpi xunto ao baterista Félix Buff, incorporando percusión orgánica e expandindo o repertorio cara a unha experiencia aínda máis viva e dinámica.

MÚSCULO!

Músculo! é un trío galego que desde 2012 explora a intersección entre a electrónica, a instrumentación analóxica e a experimentación sonora. Ao longo da súa traxectoria transitaron do krautrock ao synthpop, do son “Madchester” ao techno, sempre cunha sensibilidade melódica e unha forte pulsión rítmica. O seu último traballo, Ulla (2023), resume unha década de evolución: texturas preciosistas, pistas distorsionadas ata o límite e arranxos de corda que abren novos matices emocionais. En directo, a súa proposta combina contundencia e sutileza, manténdose fiel a unha visión libre, física e en constante transformación.