Música

PARDO, adianto exclusivo do seu novo disco

CON LUIS NAYA COMO ARTISTA CONVIDADO

Unha cita moi especial na que Néstor Pardo ademais de ofrecernos un concerto no que nos amosará toda a súa forza e as influencias que lle fixeron ser o músico que é, nos adiantará en exclusiva, e antes de pecharse no estudio de gravación, o seu último traballo, un disco composto totalmente en castelán.

Néstor Pardo forma a súa primeira banda en 2004 con só dezanove anos. Lidéraa como cantante, guitarrista e compositor ata 2009. Formación de corte Rock-a-billy, editan 2 álbums e levan o seu show por España e Europa, sendo cabezas de cartel en varios festivais en Holanda ou Alemaña. O carisma de Néstor sobre o escenario sobresae dende o primeiro día e como proba disto é fotografado por Antonio Alay para o libro ‘Rockin’ Spain’, libro de fotografía sobre a escena do Rock&Roll española.

En 2008 emigra a Madrid para finalizar os seus estudos na Escuela de Música Creativa, titulándose como guitarrista profesional en música moderna. Nos seguintes anos, que dedica exclusivamente aos seus estudos, recibe clases de Diego Araoz sobre guitarra Monouche e unha masterclass con Stochelo Rosenberg (The Rosenberg Trio).

Mentres vive en Madrid inicia unha amizade co músico Roi Fontoira (The Panthom Keys / The Limboos). Cansado dos prexuízos e a mente pechada da escena Rockabilly e vendo a música como sinónimo de liberdade, abandona The Loveless Cousins e monta xunto a Roi a banda de R&B e Swing The Allnight Workers, cos que afina a súa capacidade compositiva, gravando sempre cancións de coseita propia a excepción dun par de versión no seu primeiro álbum. Con The Allnight Workers grava dous álbums nos estudos Lightning Recordings de Berlín que publica o selo Grabaciones De Impacto. Xiran por toda Europa e o seu prestixio increméntase a cada novo paso, sendo incluídos en varios festivais, tanto de Jazz como de Rock&Roll. The Allnight Workers convértense na banda europea de Lala Brooks (The Crystals).

En 2012 Néstor regresa á súa cidade natal e comeza a tocar como músico de sesión para distintas formacións (Northwest Pickers, The Hot Chocolates, Dixie Lovers, The Honky Tonkin Boozers, Rockers Go To Hell…).

En 2013 decide comezar unha carreira en solitario tocando a súa propia música, deixando atrás todas as formacións e comezando así unha nova etapa, na que o músico escapa de calquera etiqueta ou prexuízo. É aquí cando nace Pardo, que non tarda en ver publicado un primeiro disco, once cortes de composición propia e unha celebrada versión do Everybody’s Talking de Harry Nilson. Gravado tan só coa súa guitarra e voz, comeza a xirar en solitario e a traballar a tempo completo no proxecto.

Pasados un par de meses, chama a Miguel Martínez e a Adrián Seijas como banda de acompañamento (contrabaixo e batería, respectivamente). Con esta formación presenta o disco por boa parte do país cunha excelente aceptación e esgotando as 700 copias sen ningún tipo de promoción nin apoio de prensa.

Chegamos a outubro de 2014. Néstor entra de novo no estudo, esta vez xunto á súa banda, para gravar o que será o seu segundo álbum. Doce cortes de composición propia gravados en directo nos Estudios Santa Cruz Recordings e que verán a luz en xaneiro de 2015 no sello New H-Records baixo o título de LET IT STAY.

Prezo: ANTES 26/06/2015: 7 € (VR) / 9 €. A PARTIR DE 27/06/2015: 8 € (VR) / 10 €
Duración: 90 minutos

Calificación: TP

DATAS E HORARIOS

  • Venres, 3 de Xullo de 2015 | 21:00