Música

Gala 40 Anos de Música Tradicional Xacarandaina

Con motivo do 40 aniversario do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, vaise realizar unha gala no Teatro Colón da Coruña para presentar o seu novo disco “40Xacas”.

Será unha gala deseñada especificamente para a ocasión, cuxo obxectivo principal será promover e divulgar a nosa arte inmaterial, facendo que as e os espectadores viaxen no tempo a través das melodías e ritmos de Galicia.

Para isto, realizarase unha escolla de entre máis de 1.000 melodías diferentes de todo o territorio galego, froito do traballo de campo que desenvolveu Xacarandaina.

A singularidade deste espectáculo será volver a pór enriba das táboas músicas e cancións que se estrearon hai anos e que non se volveron a tocar, poñéndoas outra vez en repertorio, e así poder amosar a evolución da música tradicional galega escénica desde 1979 até a actualidade, creando un espectáculo de grande valor escénico, histórico e etnográfico.

Nesta gala, actuarán máis de 50 artistas entre pandereteiras/os, músicas/os, gaiteiras/os, percusionistas, cantareiras/os e coro.

Cun deseño de luces creado á mantenta, unha coidada posta en escena e os sucesivos cadros do espectáculo, conseguiremos que esta gala do 40 aniversario de Xacarandaina sexa algo único e que a persoa espectadora aprenda e desfrute a un tempo.

Isto será na Coruña o sábado 6 de abril, ás 20.30 h, no Teatro Colón, onde tantos éxitos leva conseguido Xacarandaina ao longo da súa historia.