Judy Garland protagoniza a terceira entrega do Ciclo Colón Queer

• O ciclo de temática LGTBQ Colón Queer despídese o vindeiro martes 16 de maio coa Gala Drag Prix
• O xoves 27 poderemos ver en pantalla grande ‘Viridiana’ de Luis Buñuel

As propostas de ocio do Teatro Colón para esta semana inclúen cine, teatro e humor. O xoves 27 ás 21:00 horas poderemos ver ‘Viridiana’ de Luis Buñuel, votada como a mellor película do cine español na enquisa que realizou a revista Caimán con motivo do seu número 100. O venres 28 ás 21:00 horas continúa o Ciclo Colón Queer coa obra ‘Judy Garland, alén do arco da vella’. O sábado 29 volve a comedia ‘Amigos ata a morte’ con función ás 20:00 e ás 22:30 horas. E o domingo 30 ás 20:00 horas a compañía canaria Abubukaka presenta ‘La familia tradicional’, unha disparatada visión da actualidade.

 Gudy_Garland_2

Este venres 28 continúa o Ciclo Colón Queer coa obra ‘Judy Garland, alén do arco da vella’, dirixida por Xosé Leis e con Isabel de Toro como protagonista. O ciclo de temática LGTBQ remata o vindeiro martes 16 de maio coa Gala Drag Prix. A proposta deste venres é un drama musical que xira en torno a Frances, unha protagonista transxénero que nos conta as súas vivencias en paralelo ao que viviu Judy Garland. Unha sorte de biopic mesturado coa narración das revoltas de Stonewall. Nese local gay, o 28 de xuño de 1969, homenaxeaban á súa musa Judy Garland tras a súa morte seis días antes. A resistencia ofrecida polos clientes do local fronte á irrupción policial supón o punto de partida na loita dos homosexuais para que a sociedade e as leis recoñecesen os seus dereitos. ‘Judy Garland, alén do arco da vella’ é un drama musical no que a protagonista inicia o camiño da reivindicación da propia identidade.

O humor da compañía Abubukaka revisa a actualidade desde unha óptica disparatada

O domingo 30 ás 20:30 horas a compañía canaria Abubukaka presenta ‘La familia tradicional’, unha proposta de humor que nos ofrece unha visión disparatadamente comprometida da historia actual. Abubukaka nace como cuarteto de humor en novembro de 2006 co espectáculo ‘La Peluca Saltarina’, hoxe son toda unha referencia no teatro canario, con máis de 80.000 espectadores, 5 espectáculos e 200 funcións. O absurdo, a sátira política ou o surrealismo delirante definen o seu selo.

Ububukaka_2

O sábado 29 volve a comedia de Xavier Veiga ‘Amigos ata a morte’. Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor protagonizan esta proposta que poderemos ver en dobre funcións ás 20:00 e ás 22:30 horas.