Lucecús Teatro presenta a súa primeira montaxe

Lucecús Teatro é unha das novas compañías que alimentan a escena galega, creada recentemente polos actores Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez, aposta por unha dramaturxia propia en galego. O sábado 5 ás 20:30 horas presentan no Teatro Colón a súa primeira montaxe ‘A órbita do Lucecú’. O venres 4 ás 20:30 horas a banda formada por adolescentes Furious Monkey House presenta o seu primeiro traballo discográfico. E o domingo 6 ás 17:00 e ás 18:00 horas Caramuxo Teatro presenta ‘Ñam! (teatro e cociña)’, unha montaxe para bebés.

lucecus4

Para a realización deste primeiro traballo Lucecús Teatro contou coa dirección e a asesoría durante o proceso creativo de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, profesionais cunha longa experiencia á fronte de Ibuprofeno Teatro. Neste primeiro espectáculo abordan as relación humanas a través de tres compañeiros que comparten piso e soidade.

Lucecús Teatro apostou por un profundo proceso de documentación a partir da sociedade tecnolóxica e os novos xeitos de comunicación. O proceso levounos a fixar a atención nos lucecús, Nikola Tesla e Marte, posteriormente estes temas foron dando paso a outros coma a soidade, o amor, a busca ou a reafirmación persoal.

Concerto de Furious Monkey House e teatro para bebés

O venres 4 ás 20:30 horas a banda Furious Monkey House presentará nun concerto o seu primeiro traballo discográfico, ‘Run’. Furious Monkey House é unha banda de rapaces de entre 11 e 13 anos que está cativando tanto a crítica como a público. A súa música revela as influencias de bandas dos 90 como Pixies, Nirvana, Cardigans ou Smashing Pumpkins.

_O6P5152

E o domingo 6 ás 17:00 e ás 18:00 horas a compañía Caramuxo Teatro presenta o espectáculo para bebés ‘Ñam! (teatro e cociña)’. Trátase dunha proposta familiar, especialmente indicado para bebés de entre 1 e 5 anos, que explora o gusto pola cociña e polo xantar, dende a escolla dos alimentos ata o momento de saborealos.