María Luisa Merlo protagoniza a comedia ‘Cosas de papá y mamá’

A coñecida actriz María Luisa Merlo é a protagonista comedia de Alfonso Paso ‘Cosas de papá y mamá’, que se poderá ver no Teatro Colón este sábado 16 ás 21:00 horas. A programación desta semana complétase coa actuación o venres 15 de Helena Bianco e o concerto de Los Gofiones o domingo 17. Ademais, continúa o Ciclo de Teatro Afeccionado Candilejas Don Bosco con ‘Las bizarrías de Belisa’ do Grupo Eclipse-Noite Bohemia o mércores 13 ás 20:30 horas, e ‘Bodas de Sangre’ do Grupo Cajón de Sastre, o xoves 14 ás 20:30 horas.

María Luisa Merlo e Juan Meseguer son os protagonistas da divertida comedia ‘Cosas de papá y mamá’, un texto de Alfonso Paso – un dos dramaturgos españois máis prolíficos -. A obra narra a historia de amor de Leandro e Elena, á que se opoñen os seus respectivos fillos Julio e Luisa. A situación dará paso a multitude de enredos familiares, co detonante dunha tenra historia de amor entre dous anciáns que tratan de sobrepoñerse á soidade. Os actores Marta Valverde, Naím Thomas e Alberto Delgado completan o reparto baixo a dirección de José Manuel Pardo.

Helena Bianco rende homenaxe a Mari Trini

O venres 15 Helena Bianco presenta o espectáculo ‘Estoy pensando en ti’, co que quere render unha homenaxe á cantautora Mari Trini. A que fora voz de Los Mismos quere transmitir con este traballo a forza, a rebeldía e o espírito de superación de Mari Trini, á que sendo nena lle sobreviñeron graves enfermidades que conseguiu superar, transformando a dor en música.

O domingo 17 o grupo canario Los Gofiones presenta, acompañado da banda de gaitas de Narón e coa colaboración do grupo Amizades, ‘Por una cabeza’. Este disco, o número vinte e dous na súa carreira, é unha fermosa selección de cancións que nos chegaron en grande medida a través de emigración. Un disco conceptual que supón unha auténtica viaxe xeográfica e emocional á nosa sociedade da metade do século XX.