O CCG estrea ‘As 4 Estacións’ no Teatro Colón

  • A peza con coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall estréase o venres 9 ás 20:30 horas, o sábado 10 haberá unha segunda función
  • O domingo 11 volven as ‘Noites de Retranca’ con Oswaldo Digón, Luis Iglesia e Marcos Pereiro

O Centro Coreográfico Galego estrea este venres 9 no Teatro Colón ‘As Catro Estacións’, a peza enmárcase dentro do Programa de Residencias do teatro dentro do que tamén se estrea – o vindeiro 23 de setembro – ‘La exforma’ de Javier Martín. A programación continúa o domingo 11 co show de humor ‘Noites de Retranca’, protagonizado nesta ocasión por Oswaldo Digón, Luis Iglesia e Marcos Pereiro.

A Consellería de Cultura retoma con ‘As 4 Estacións’ a produción propia co dobre obxectivo, en palabras de Jacobo Sutil –director da AGADIC-, de ‘chegar a novos públicos e traballar na difusión da danza en Galicia’. A montaxe une o mellor da música universal coa experiencia de dous coreógrafos de renome como son Kenneth Tindall e Iker Gómez. Sobre a escena un elenco seleccionado mediante concurso público e formado por Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses, Raquel Santacruz, Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas.

4_Estacions_presentacion_2

Iker Gómez destacou o pracer de enfrontarse a unha peza musical tan coñecida ‘me encanta hacer nuevas versiones de obras que forman parte del imaginario colectivo’. Os dous coreógrafos aproveitaron durante o proceso creativo as diferentes fontes das que bebe cada un deles para dotar a cada estación da súa propia linguaxe. Neste sentido Kenneth Tindall amósase orgulloso de ter conseguido ‘unha boa fusión da técnica contemporánea co estilo neoclásico’. Despois da súa estrea a peza continuará de xira pola comunidade visitando Vigo, Rianxo, Vilagarcía, Ourense, O Barco de Valdeorras e Pontevedra, antes de pechar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 1, 2 e 3 de decembro.