O Gato con Botas, unha partitura inédita de Rogelio Groba

Mañá  venres 21 estreamos O Gato con Botas, unha produción propia que se enmarca dentro da nova liña de traballo do espazo herculino e que engloba a produción de espectáculos e as residencias técnicas. A obra conta con música en directo interpretada pola Orquestra de Cámara Galega baixo a dirección musical de Rogelio Groba Otero, a dirección escénica correo a cargo de Javier Fernández Mariño. Ademais da estrea o venres 21, haberá unha nova función o sábado 22 ás 12:00 horas.

Rogelio_groba
O Gato con Botas leva a escena este clásico conto para nenos a través da partitura inédita do compositor galego Rogelio Groba, baixo a dirección do fillo deste, Rogelio Groba Otero. Dez actores sobre o escenario dan vida aos personaxes desta historia acompañados da música, interpretada en directo, pola Orquestra de Cámara Galega. A proposta mestura artes clásicas como a interpretación, a música ou a danza con novas tecnoloxías como o vídeo mapping, creado polos coruñeses de Qatrogatos e implementado por CEGA audiovisuais.

Gato_Botas2
A obra comeza cun escenario baleiro, en escena só están os músicos e as teas nas que se proxectarán por vídeo mapping os distintos ambientes e decorados da obra: o muíño, o río, o castelo, etc. O narrador, como mestre de cerimonias, presenta as distintas situacións e os personaxes que dan vida a esta clásica historia na que o fillo dun muiñeiro recibe, como única herdanza, un gato. O que ao comezo lle parece a peor das herdanzas cambiará o seu destino cun par de botas e un saco.

Gato_con_Botas

ACHEGAR A MÚSICA CLÁSICA AOS MÁIS PEQUENOS

O Gato con Botas leva a escena unha partitura inédita do compositor galego Rogelio Groba, achegando aos nenos a música clásica e querendo espertar a súa curiosidade por xéneros como a danza ou a ópera.

Rogelio Groba exerceu como profesor e director do Conservatorio Superior de Música da Coruña, dirixiu tamén o conservatorio da Coral Polifónica Follas Novas e da coral El Eco. É, ademais, o fundador da Orquestra da Coruña, promotor da Orquestra Sinfónica Galega e membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia. Autor de varios ensaios e libros, dende 1992 dedícase á creación musical, ámbito no que foi recoñecido co Premio da Crítica Galega (1979), Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), Medalla Castelao (1995), Galego do Ano (2002) ou co Premio Internacional Auditorio de Galicia (2004). Este prolífico autor ten máis de cincocentas obras catalogadas que inclúen música sinfónica, de cámara, coral ou para piano.