O Keilin 4 Ensemble dará un concerto benéfico a favor do Banco de Alimentos Rías Altas

O vindeiro xoves 30 de abril ás 21:00 horas o Teatro Colón acolle un concerto moi especial no que participan catro músicos dunha mesma familia. A Deputación da Coruña organiza esta cita coa música clásica que ten un carácter benéfico, xa que na entrada recolleranse alimentos non perecedoiros para doar ao Banco de Alimentos Rías Altas.

Arsenio de 12 anos e Gregorio de 15 forman xunto aos seus pais María e Iliá Keilin o Keilin 4 Ensemble. Aínda que orixinarios de San Petersburgo María e Iliá levan dende comezos da década dos noventa instalados na cidade da Coruña, á que chegaron por motivos profesionais.

Non é de estrañar que con dous pais dedicados á música, el toca na Banda Municipal da Coruña e ela é pianista no Conservatorio de Danza, os pequenos seguiran o camiño musical. Na actualidade os dous forman parte da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia como principais de violonchelo, cada un nunha categoría distinta debido á diferenza de idade. No concerto que o xoves 30 darán xunto aos seus pais interpretarán un variado programa que inclúe temas de Liszt, Schroeder, Handel, Pachelbel, Massenet ou Piazzolla, entre outros.

As entradas son de balde e poden recollerse no despacho de billetes do Teatro Colón o mércores 29 e o xoves en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Os alimentos para doar ao Banco de Alimentos Rías Altas recolleranse o propio día do concerto na entrada do teatro a partir das 20:00 horas.