O Teatro Colón acolle o XX aniversario do Bristol Bar

• O emblemático local coruñés celebra o seu XX aniversario cun concerto o vindeiro venres 16 ás 22:00 horas

Hai case 20 anos, o día de Reis de 1995, abría as súas portas na céntrica Rúa Torreiro o Bristol Bar. Onde antes houbo un local de hostalaría tradicional nacía un proxecto que vinculaba o ocio da cidade ao seu ambiente musical, centrado no pop, no rock, no brit pop e no apoio incondicional ás bandas locais.

Dende o primeiro momento o local transformouse nun punto de encontro para os amantes da música e a arte, o seu carácter activo e melómano converteu o Bristol Bar nun emblema da cultura na cidade.

Valentín Rodríguez, María Cancela e Diego Veiga durante a presentación a prensa do concerto

Hoxe, 20 anos despois, o mítico local celebra dúas décadas ao pé do canón en plena forma, e faino cun ano completo repleto de actividades que a súa responsable, María Cancela Fernández, presentou esta mañá acompañada do director do Teatro Colón, Valentín Rodríguez, e do director artístico e musical da Bristol Band, Diego Veiga.

Para María Cancela ‘este aniversario es muy especial para nosotros, y no habria sido posible sin el apoyo del Teatro Colón, de Estrella Galicia o de la Asociación de Comerciantes Zona Obelisco, y desde luego tampoco sin el talento de todos los artistas que nos van a acompañar’.

Un escenario de luxo para un concerto irrepetible

O ‘bristoletazo’ de saída terá lugar o vindeiro venres 16 de xaneiro de 2015 ás 22:00 horas. Nese momento as portas do Teatro Colón abriranse para, por vez primeira, transformar a platea nunha representación da barra dun bar, e converter o escenario nunha reunión de amigos e mestres, dentro da súa filosofía de apoio ao comercio e aos empresarios locais. O seu director, Valentín Rodríguez, explicábao hoxe na rolda de prensa ‘el teatro está abierto a la ciudadanía, y un concierto como éste es el mejor ejemplo’.

A Bristol Band

Baixo a dirección de Yoni Medigrami, o curmá emigrante londiniense do archifamoso Yoni Mediogramo, sucederanse os momentos de complicidade, os ritmos irrefrenables e os tiróns de orellas para festexar este aniversario. O ritmo poñerao a Brilstol Band, formada por Néstor Pardo, Adrián Seijas, Miquelini e Diego Veiga. Un cuarteto de luxo con selo 100 % coruñés, 100 % Bristol, que poñerán toda a carne no asador para converter o concerto nunha auténtica jam session de luxo.

Mentres a Bristol Band se afana en darlle forma a unha partitura que contempla clásicos do pop e do rock de todos os tempos recibirán a visita das mellores voces da música local: Álvaro Dorda, Fernando Esclusa, Carla Figueredo, Graham Summer, Félix Arias ou Carlos Childe serán algúns dos artistas convidados esa noite. Unha lista que se completa con máis dunha sorpresa. Diego Veiga amosábase emocionado ‘porque subirse a un escenario como este, y acompañado de todos estos músicos, es una experiencia brutal. Somos músicos muy diferentes, con estilos muy diversos y edades muy amplias, y hemos creado algo que de verdad creo que va a sorprender, con un repertorio que no va a dejar a nadie indiferente’.

Música, monólogos e sorpresas
Será só o comezo dun ano de actividades no que o Bristol Bar apostará pola cultura e o entretemento para celebrar as súas 2 décadas ao pé do canón. Durante os vindeiros 12 meses sucederanse as pinchadas de Djs locais e convidados de excepción, monólogos e actuacións musicais.