O último concerto do ciclo Xoves de Música e a canaria Rosana poñen a nota musical esta semana no Teatro Colón

Este xoves 20 de abril ás 21:00 h pechamos o ciclo Xoves de Música cos grupos The Trunks Band e Agoraphobia. A presente edición do ciclo iniciouse o pasado mes de novembro, nela participarán en total once grupos en seis concertos que se levarán a cabo un xoves ao mes de novembro a abril incluídos. O venres 21 ás 21:00 h Rosana presenta en concerto o seu último traballo ‘En la memoria de la piel’. A programación desta semana péchase o sábado 22 ás 20:00 horas con En bruto’, unha proposta dos humoristas J.J. Vaquero e Iñaki Urrutia.

Agoraphobia promo

O ciclo Xoves de Música, patrocinado por SuperBock Negra Sin, ten como obxectivo dar a coñecer o traballo das bandas locais, favorecer o intercambio de experiencias entre os axentes do sector e ofrecerlle aos grupos un espazo de exhibición diferente co que poidan dar resposta a outras demandas, como a produción de material gráfico e de vídeos. As dúas bandas encargadas de pechar o ciclo son The Trunks Band e Agoraphobia. Esta última, só un ano e medio despois de lanzar o seu LP debut ‘Dirty little things’, publica ‘Ready to Play’. Con este traballo, gravado e auto producido integramente nos estudos Nakra de A Coruña, Agoraphobia perfila un son moito máis persoal e maduro que as sitúa como sólidas candidatas a facerse un oco no panorama musical nacional. A outra proposta é a banda sadense de indierock The Trunks Band, gañadores do primeiro premio no concurso de bandas Rock in Rio Tea 2016 e que veñen de gravar o seu segundo traballo ‘Sobre excusas y fragmentos’ da man de Jose Caballero.

rosana_promo2

O venres 21 ás 21:00 horas Rosana presenta o seu último traballo ‘En la memoria de la piel’, un disco no que espalla enerxía, capacidade de comunicación, sedución e sensibilidade. O encanto das súas novas composicións, as súas melodías e os cambios de ritmo, e o seu magnífico tratamento son o cóctel tentador ante o que é imposible resistirse.

A programación desta semana remata o sábado 22 con ‘En bruto’, unha proposta dos humoristas J.J. Vaquero e Iñaki Urrutia. Unha hora e media de show no que debullarán como se escribe un sketch, analizarán que é o que fai graza e o que non, cantarán e farán castings.

Fin do prazo para conseguir que se proxecte Viridiana de Luis Buñuel

O mesmo xoves 20 remata o prazo para acadar o aforo mínimo para que se poida proxectar o vindeiro 27 de abril ‘Viridiana’ de Luis Buñuel. Trátase dunha proposta de crowdticketing, coa que se levan a cabo proxeccións baixo demanda. A proposta está dentro dun ciclo organizado por Caimán Cuadernos de Cine para proxectar en pantalla grande as tres películas votadas como as mellores do cine español con motivo do número 100 da revista. Tras o éxito de ‘El Verdugo’ e ‘El Espíritu de la colmena’ o ciclo remata coa película máis votada da lista: ‘Viridiana’ de Luis Buñuel, que estará presentada polo historiador de cine José Luis Castro de Paz.