Un Don Juan Tenorio levado a escena por mulleres

O Teatro Colón coa colaboración do Padroado de Cultura de Narón, do Centro Coreográfico Galego e da Federación Unión de Comercios Coruñesa pon en marcha Don Juan Tenorio en Feminino, unha acción formativa enfocada a actrices amateurs ou en período de aprendizaxe e posta en marcha por un equipo integrado na súa totalidade por mulleres. Con esta iniciativa queremos continuar traballando no apoio ao teatro afeccionado e na colaboración co noso entorno socioeconómico máis inmediato.

Esta acción ofreceralle a oportunidade a entre 15 e 20 actrices non profesionais de profundar na súa formación a través dunha serie de obradoiros gratuítos e que, xunto aos ensaios da obra culminarán o 30 e o 31 de outubro coa representación no Teatro Colón deste clásico de Zorrilla. O casting está aberto a todas as mulleres de máis de 20 anos e celebrarase no Teatro Colón o vindeiro sábado 4 de xullo de 10:00 a 14:00, as interesadas deben escribir un correo electrónico a: produccion@teatrocolon.es para que lle asocien un horario e lle faciliten o texto para preparar a proba.

Anahi Taraburelli, directora de produción do proxecto, sinalou que non se trata dunha acción feminista senón feminina coa que se pretende recuperar a tradición de representar o Don Juan Tenorio na proximidade do Día de Defuntos, apostar pola innovación na posta en escena adaptando as novas linguaxes teatrais ao texto clásico e abrir unha vía de acción e intercambio social ‘queremos repetir esta experiencia aproximándonos y colaborando con distintos colectivos cada año, en este caso lo enfocamos a la mujer’, afirmou.

Unha rede de colaboracións para crear sinerxías en torno ás artes escénicas

O proxecto conta coa colaboración do Centro Coreográfico Galego na creación do movemento escénico e no traballo corporal coas actrices, da Federación Unión de Comercio Coruñesa e do Padroado de Cultura de Narón que conta cunha gran experiencia na formación de actores dende 1985 a través da súa escola de teatro ‘o noso concello colabora a nivel da formación e tamén acollerá unha representación do Don Juan Tenorio en feminino’, apuntou a concelleira de cultura Marián Ferreiro. Estes cursos aos que asistirán as actrices seleccionadas celebraranse durante os meses de setembro e outubro.

Ana del Valle será a encargada da dirección de escena da obra, da que confesou que é todo un reto profesional ‘es un reto para mí, una obra inmortal, un clásico que siempre estará ahí y que me marcó de joven en una de mis primeras veces como espectadora’. Explicou que a proposta será unha ponte entre a innovación e o clásico, respectando o verso e xogando coa forza dunha obra clásica e coñecida polo público.

O Teatro Colón continúa buscando apoios para a posta en escena do Don Juan Tenorio e fai un chamamento a aquelas profesionais das artes escénicas que queiran aportar o seu grao de area.