Música

SUSEIA ET ULTREIA. Todos os pobos, linguas e tribos presenta a Dakhabrakha

ESPECIAL UCRAÍNA

 

DakhaBrakha, a banda máis famosa de Ucraína, recalará este 2023 na Coruña para ofrecer un dos tres concertos únicos previstos en España. Será dentro do ciclo patrocinado polo Xacobeo Suseia et Ultreia, Pobos, Linguas, Tribos.

Un ciclo de concertos que terá lugar en 2023 organizado para celebrar a diversidade, tender pontes entre culturas, favorecer o entendemento e a solidariedade, garantir a xustiza social e propiciar escenarios abertos ao diálogo a través da música; unha homenaxe ás culturas dos países de procedencia dos peregrinos a Compostela.

Ucraína, país en guerra por causa da invasión rusa, terá cabida no ciclo a través deste concerto único como mostra de solidariedade e de apoio ao pobo ucraíno.

DhakhaBrakha («toma/daca» en eslavo antigo) é un inclasificable cuarteto ucraíno de folk-punk, composto por tres mulleres e un home, que ten creado un son fascinante bautizado como ‘etno-caos’. A súa música, diferente a todo o existente, é un transo de asombrosa beleza, decididamente libre e comprometido coa que teñen visitado os festivais máis prestixiosos do mundo (Glastonbury, Bonaroo, Transmusicales…).

Tras os primeiros bombardeos na capital do seu país, os integrantes de DhakhaBrakha víronse na obriga de fuxir de Kiev coas súas familias e buscar refuxio noutros países, ao igual que moitos cidadáns ucraínos. Nese primeiro momento cancelaron as súas xiras e concertos, pero máis tarde cambiaron de idea: «Foi duro deixar o noso país, pero decidimos regresar aos escenarios porque somos artistas. É moi importante para nós sentir o apoio e a solidariedade con Ucraína, para dar a coñecer a nosa música e tradicións no mundo nestes tempos de guerra».

DakhaBrakha crea unha música salvaxe e inesquecible que é á vez sacra e moderna, unha música contemporánea, nova, vital. A banda aparece no escenario coas vestimentas tradicionais, o que combinado co seu rango vocal asombrosamente poderoso e sen concesións, crea un espectáculo dramático. Ao tempo que tocan unha multitude de instrumentos, as súas harmonías inquietantes e vangardistas mestúranse con ritmos de violoncelo, concertina (pequeno acordeón) e percusión.

Desde os seus inicios, DakhaBrakha centrouse en reforzar a identidade a partir da reinvención da tradición ucraína. Son parte dunha xeración de músicos ligados á Revolución Laranxa: «Por unha banda, é moi triste que esta desgraza axude a difundir a nosa cultura polo mundo, pero ao mesmo tempo é a maneira de que o noso país poida mostrar que existe, é unha gran traxedia, pero quizá sexa a única forma». Como non podía ser doutro xeito DhakhaBrakha está moi comprometida coa axuda humanitaria aos sectores máis desfavorecidos desta guerra e colaboran economicamente en todo o que está ao seu alcance dedicando boa parte dos seus ingresos.

O director de teatro de vangarda Vladyslav Troitskyi creou DakhaBrakha no 2004 no Centro de Arte Contemporáneo de Kiev, DAKH. O traballo teatral ten deixado a súa impronta nas actuacións do grupo: os seus espectáculos nunca se representaron sen efectos escénicos.

Tras experimentar coa música folclórica ucraína, a banda foi engadindo ritmos do mundo circundante á súa música, creando así unha imagen brillante, única e inesquecible de DakhaBrakha. Coa súa música, contribúe a abrir o potencial das melodías ucraínas e levalo ao corazón e á conciencia das xeracións máis novas do seu país e do resto do mundo.

Gravado no estudio Gargolandia (Brasil), Alambari (2020) é o cuarto e último álbum de música de DakhaBrakha ata o momento.

Prezo: 13€ | 15€ | 20€ | 22€



DATAS E HORARIOS

  • Venres, 20 de Xaneiro de 2023 | 20:30