Música

Folk no Colón | Tiruleque

FOLK NO COLÓN

 

Tiruleque é unha das bandas de música galega máis veteranas do país. Xurdiu na Coruña hai máis de vinte anos e se criou nese mundo de romarías, foliadas, bailes, festas populares e demais encontros que son celebracións da cultura galega en se mesmos.

Un mundo vivo e rico, no que calquera faísca espontánea provoca unha celebración, e no que todo o mundo ten, na música, no canto ou no baile, o seu lugar.

Neste cuarto traballo discográfico, a banda coruñesa xoga coa forza das voces femininas que deron forma á tradición da música cantada en galego. Esas avoas incansables de corpos vellos e espíritos novos, que foron quen nos transmitiu non só as pezas, se non tamén esa enerxía, ese lume interior co que xa iluminaban os encontros de hai décadas.

Tiruleque potencia a enerxía hipnótica da pandeireta co transo das liñas de baixo, combina o brillo da gaita coa forza do metal, mestura a percusión tradicional coa moderna… coa particularidade de ser sempre fiel ao espírito verdadeiro das músicas sen artificios innecesarios, respectando o sentido orixinal, dentro da foliada, para cantar e bailar como sempre se fixo.

Nestes anos de historia, Tiruleque percorreu a práctica totalidade dos festivais de música galega e celta do país, representando a música galega en festivais internacionais como o de Lorient e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outras moitas actuacións pola xeografía do Estado, e é considerado unha referencia no mundo da música para o baile tradicional galego.