Música

Músicas Posíbeis | María Toro: Mestura

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Mestura marca unha nova etapa na carreira de María Toro. A busca e experimentación que caracterizou a súa traxectoria transfórmanse agora nunha conversa de igual a igual entre o jazz, o flamenco, a música clásica, a música popular brasileira, o rock progresivo e o folclore galego, todo baixo a produción de Diego Galaz (Fetén Fetén).

A frauta continúa a ser o principal catalizador da súa obra, aquí enriquecida pola pandeireta e unha constante presencia vocal, tanto nas composicións propias como nas pezas tradicionais e incluso familiares.

Á súa banda habitual —Toño Miguel ó contrabaixo, David Sancho ó piano e teclados, Andrés Litwin á batería— engádenselle colaboracións que marcan o ton do disco: Xosé Lois Romero ás percusións galegas, as cantareiras Lilaina, integrantes de Aliboria, e o propio Diego Galaz xunto ó seu compañeiro Jorge Arribas con Fetén Fetén. A aliñación de artistas engrandece o traballo máis enraizado e á vez arriscado de María Toro.

María Toro leva quince anos liderando o seu propio proxecto. Dende a súa Galicia natal, onde se titulou en música clásica, especialidade frauta traveseira, viaxou ó Madrid máis vibrante do flamenco jazz. De alí a Suiza, como integrante dunha compañía de flamenco e danza contemporánea. Máis tarde, Nova York, onde viviu a fondo cinco anos nunha das grandes capitais do jazz. E, deseguido, outro tanto tempo de aprendizaxes e realizacións en Rio de Xaneiro, antes de volver a España.

A encrucillada de culturas da que embebeu permitiulle gravar traballos diferentes en cada escala, sempre como autora e intérprete principal. Cambian as bandas e os países, non o fai o concepto.

En Suíza comeza a compor o seu primeiro álbum, A Contraluz, gravado en Nova York no 2014. En Brasil lanza Araras, acompañada de Hermeto Pascoal, en 2017. De volta a casa, toma Madrid como base e presenta o seu repertorio por Europa, América e África. Nesas xiras comproba a forza da súa herdanza musical e atérraa en Fume, presentado no 2020 como fin de unha triloxía vital, coa colaboración de Chano Domínguez.

Tras o punto e á parte, e sen parar de rodar polo mundo, María Toro aposta polo continuo troco cultural como base da súa música, apoiada pola mesma banda da última década e unha vocación patente dende o mesmo título: Mestura.

  • Toño Miguel: contrabaixo
  • David Sancho: piano, teclados, op1
  • Fran Gayo: batería
  • María Toro: voz, frauta, pandeireta, composicións e dirección

CONVIDADAS

  • Xosé Lois Romero: percusión tradicional
  • Lilaina: voz, pandeiretas e percusión tradicional
  • Antía Caaveiro: gaita, pandeireta e voz