Música

MANHE: Fransy & Orquestra de Cámara Galega + Pedro Lamas

A cantareira arteixá Fransy González leva toda a vida recollendo a música das aldeas para agasallarnos os seus froitos cunha voz inconfundible. Manhe é un paso á fronte na súa carreira, un traballo honesto e sinxelo no que a esencia é a raíz.

Fransy é unha referencia ineludible da nosa música e a súa voz e a súa pandeireta abondan. Porén, Manhe é un agasallo para os ouvidos: a conxunción marabillosa da nosa herdanza ao encontro da Orquestra de Cámara Galega e o saxo soprano de Pedro Lamas, responsable tamén dos arranxos e a dirección musical. Máis de vinte músicos en escena que acompañan a Fransy neste soño, unha grande orquestra de corda que arrola as nosas músicas máis auténticas con mimo e paixón, elegancia e forza. Unha soa voz e unha grande orquestra que conversan e latexan xuntos.