Música

Os do Fondo da Barra | Banzo

FOLK NO COLÓN

 

Os do Fondo da Barra é un grupo de música galega que naceu no seo da Asociación Cultural Xacarandaina, na cidade da Coruña. Esta Asociación leva 45 anos en activo, sendo un dos grandes
referentes do folclore do país pola súa labor en prol da recuperación do Patrimonio Cultural de Galicia.

Este grupo está composto por 12 homes que interpretan cantos que se recolleron polo territorio galego, coa pretensión de representar os cantares masculinos da arte inmaterial de Galicia. Os do Fondo da Barra presentan o seu novo proxecto musical, Banzo. Un traballo discográfico que contén temas propiamente tradicionais dándolles un tratamento folk actual máis achegado ás novas correntes ‘World Music’. Nel pódense escoitar cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile, utilizando distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos.

Banzo represéntase a través dun espectáculo onde se empregan distintos elementos tradicionais, tanto musicais como de movemento, baixo unha composición actual; ofrecendo unha nova visión escénica da cultura tradicional e considerándose un espectáculo de corte contemporáneo. Todo baixo a dirección artística do afamado folclorista Quique Peón.