Ara Malikian e un concerto sinfónico de Abba centran a programación desta semana

O violinista Ara Malikian abre a programación desta semana cun concerto co que conmemora os seus quince anos vivindo en España, a cita será o xoves 12. O venres 13 os creadores do éxito Symphonic Rhapsody of Queen presentan Symphonic of Abba, un repaso polos temas máis coñecidos da emblemática banda sueca en versión sinfónica.
Coa idea de achegar a música clásica a todos os públicos, dende os máis pequenos aos máis maiores, Ara Malikian pon en marcha a xira ‘15’, cun repertorio tanto de obras clásicas como de música popular do século XX. Estes concertos teñen para o autor un significado especial xa que supoñen o fin dun ciclo na súa traxectoria como músico e o comezo dunha nova etapa coa vista posta no mercado internacional e na composición do seu propio repertorio.
Con estes concertos culmina un período de traballo e esforzo, así como de agradecemento ao público que o apoiou durante estes 15 anos nos que realizou máis de 4000 concertos en todos os recunchos de España. Estará acompañado dalgúns dos artistas cos que colaborou nos últimos anos, con eles realizará un repaso aos principais espectáculos cos que percorreu o noso país.
A outra cita musical da semana será con Symphonic of Abba, unha revisión dos clásicos temas da banda sueca que puxo a banda sonora a varias xeracións en todo o mundo. En escena unha banda de rock, unha orquestra sinfónica e cantantes de primeiro nivel que teñen traballado con músicos como Joe Cocker, George Michael ou Chris Rea para ofrecer case tres horas de espectáculo que conmoverán tanto aos fieis seguidores como aos novos adeptos da mítica banda.

Un repaso pola historia do hip hop no espectáculo A Orixe
O sábado 14 ás 20:30 horas o cómico e presentador Dani Mateo estará no Teatro Colón co seu espectáculo Desencadenado. O domingo 15 ás 18:00 horas a compañía de danza As Dríadas presenta A Orixe, un espectáculo no que repasa a historia do hip hop dende os seus inicios no Nova Iorque dos sesenta ata a actualidade.

A Orixe é un espectáculo de danza didáctico que nos invita a mergullarnos no mundo do hip hop, unha vía de expresión e escape para os problemas e desafeccións dos máis mozos. Con coreografía, dirección e interpretación de Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez Cascudo a peza conta con Ramiro Neira como asesor na dramaturxia e Estefanía Vázquez como asesora pedagóxica.