Axúdanos a encher o teatro #LlenemoselColón

Encántanos esta iniciativa e por iso queremos que nos axudes a que sexa todo un éxito: o vindeiro 9 de xaneiro ás 20:30 horas a produtora COART+E presenta un Noite de Reis accesible. Que significa isto? Que está adaptado a persoas con discapacidades sensoriais (cegueira e xordeira). Unha parte da recadación irá destinada a ACOPROS (Asociación Coruñesa de Promoción del Sordo).

img_8973

Por iso lanzamos a campaña #LlenemoselColón, en redes sociais e medios, co obxectivo de concienciar á cidadanía da necesidade de romper as barreiras e contribuír a que as persoas con discapacidade poidan levar unha vida plena.

Queres saber máis?

Noche de Reyes continúa a súa xira por toda España, que o levou a festivais tan importantes como o de Almagro no pasado mes de xullo, compaxinándoa con campañas escolares para alumnos de ESO e Bacharelato, o público ao que vai dirixida principalmente esta función.

CORART+E é un colectivo no que artistas profesionais, en principio das artes escénicas, pero abertos a outras expresións, poden xerar proxectos a partir de ideas e inquietudes comúns para que se leven a cabo en diferente ámbitos, tanto culturais como sociais. O seu primeiro proxecto foi Noche de Reyes, un espectáculo especialmente dirixido a público mozo e que tamén ten a particularidade de ser accesible para persoas con discapacidade auditiva ou visual, que comparten butacas e goce con persoas sen discapacidade. COART+E son produtores de El Principito e El Peñón es nuestro, e coprodutores da exitosa Taitantos, de Nuria González, dirixida por Coté Soler. Tamén chegou a un acordo recentemente co Centro Dramático Nacional para encargarse da produción en xira do espectáculo Kafka enamorado. Así mesmo, encargouse da dirección de produción e xerencia do espectáculo La venus de las pieles, dirixida por David Serrano e protagonizada por Clara Lago e Diego Martín.

noche_de_reyes-2

A asociación ACOPROS ten como fin primordial obter solucións axeitadas ás necesidades que teñen as persoas con discapacidade auditiva e as súas familias para a súa realización como cidadáns de pleno dereito dentro da sociedade. Dende 1976, traballan para acompañar, asesorar e formar, a persoas con discapacidade auditiva e ás súas familias.

Xunto a COART+E e ACOPROS está APTENT, empresa coprodutora de Noche de Reyes, e expertos en accesibilidade. O seu obxectivo é eliminar as barreiras de comunicación e de acceso a contidos audiovisuais para que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu lexítimo dereito de acceder, en igualdade de condicións, á educación, o ocio e a cultura.

O espectáculo será o vindeiro 9 de xaneiro, ás 20:30 horas no Teatro Colón. As entradas, dende 13 €, poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.