Carmen Roche revisa a historia da danza en Timeless, de Petipa a Nacho Duato

Este sábado 8 de novembro ás 20.30 horas o Ballet de Carmen Roche presenta Timeless, de Petipa a Nacho Duato. A programación semanal complétase co concerto Symphonic Rhapsody of Queen o venres 7 ás 22.00 horas e co espectáculo infantil La vuelta al mundo, o domingo 9 ás 18:00 horas.

TIMELESS_web

Carmen Roche é unha das profesionais máis recoñecidas no ámbito da danza en España e conta cunha dilatada carreira profesional. Comezou neste mundo sendo unha nena, a finais dos 60 integrouse no ballet Siglo XXI de Maurice Béjart, onde desenvolveu unha importante labor artística, primeiro como solista e despois como profesora e directora de ensinanza da escola Mudra. En 1979 regresa a España como subdirectora do Ballet Clásico Nacional e directora da Escola Nacional de Danza Clásica. En 1995 recibiu a Medalla de Prata ao Mérito das Belas Artes do Ministerio de Cultura. En 1998 creou a fundación e o ballet que levan o seu nome, en 2012 recibe a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes como recoñecemento a toda unha vida dedicada á promoción da danza.

En Timeless, de Petipa a Nacho Duato fai un percorrido polos distintos estilos das artes do movemento dende a danza clásica brillantemente executada ata o contemporáneo máis vangardista, pasando polo estilo neoclásico de Nacho Duato. O espectáculo ten un forte carácter didáctico, cada unha das pezas vai introducida por un pequeno vídeo no que a propia Carmen Roche ou Nacho Duato contextualizan o que o público vai a ver.

Unha viaxe moi especial

O domingo 9 ás 18.00 horas a compañía Teatro Gorakada presenta La vuelta al mundo, un fantástico espectáculo para público infantil que recibiu catro premios na pasada edición de FETEN (Feira Europea de Teatro para nenos e nenas).

Baseándose en A volta ao mundo en oitenta días de Julio Verne, Gorakada Teatro crea unha fantástica aventura chea de humor, imaxinación e cancións en directo. Sobre o escenario os actores, os monicreques e unha escenografía a base de maletas farannos viaxar por todo o mundo en barco, ferrocarril ou elefante. A obra, recomendada para nenos maiores de 6 anos, está coorganizada polo programa PLATEA do INAEM.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.