Chega ao Colón a adaptación do éxito de Agatha Christie ’10 Negritos’

Cargada de misterio e suspense chega ao Teatro Colón un dos textos máis emblemáticos de Agatha Christie ‘10 Negritos’, todo un éxito que bateu todos os récords de lectores e espectadores. Poderá verse o venres 12 de febreiro ás 21:00 horas e o sábado 13 ás 19:00 e ás 22:00 horas. O domingo 14 ás 19:00 horas a compañía Noite Bohemia presenta ‘Gemelos’.

Escrito en 1939 ‘10 Negritos’ forma parte da lista dos libros máis vendidos de todos os tempos. A versión teatral estreouse en España en só tres ocasións dende a súa estrea en Londres na década dos 70. Baixo a dirección de Ricard Reguant e a produción de Enrique Cornejo esta posta en escena presenta unha estética máis contemporánea cunha clara influencia dos Mad Men televisivos.

Mónica Soria, Antonio Ponce, Quim Capdevilla, Carla Hidalgo, David Zarzo, Carlos Segui, Antonio Martínez Muñoz, Eva Torres, Pablo Viña e Antonio Albella dan vida aos personaxes desta historia. A obra preséntanos a dez persoas pechadas nunha illa, ao pouco iremos descubrindo quen deles son vítimas ou asasinos.

Teatro afeccionado para a tarde do domingo

O domingo 14 ás 19:00 horas a compañía de teatro afeccionado Noite Bohemia presenta ‘Gemelos’, unha atolada comedia de Plauto que dirixe Javier Fernández Mariño.

‘Gemelos’ narra a historia de Sosicles e Menecmo, dous irmáns idénticos separados ao nacer. Coa desaparición de Menecmo o avó dos irmáns adopta a Sosicles e cámbialle o nome polo do seu irmán. Unha comedia chea de situacións disparatadas na que todo o mundo busca algo, todo o mundo oculta algo e non todos acaban atopando o que esperaban.