Comeza a terceira edición do Festival de Contacontos en Inglés

Coincidindo coa Semana Santa volve ao Teatro Colón o Festival de Contacontos en Inglés co obxectivo de ofrecer unha oportunidade de ocio familiar nestes días non lectivos. Esta terceira edición acollerá dende o luns 21 ao mércores 23 tres propostas distintas adaptadas a distintas idades e coñecementos do idioma.

O Festival de Contacontos en Inglés pretende ser unha alternativa de ocio para o período non lectivo da Semana Santa e ofrecer aos nenos ferramentas divertidas e comprensibles para profundar na aprendizaxe do inglés. Nesta terceira edición queremos continuar o traballo iniciado nas dúas anteriores e consolidar esta cita co idioma de Shakespeare, facéndoo atractivo e divertido a través do xogo, da curiosidade e da interacción cos nenos e nenas.

ST_RobinsonCrusoe

Organizado en colaboración coa compañía You are the Story, esta iniciativa pretende vincular o estudio dunha lingua cun momento de ocio e entretemento, de xeito que os nenos non o perciban como unha obriga. Trátase de obras interactivas, adaptacións de grandes clásicos, nas que os nenos do público interpretan a distintos personaxes. A programación iníciase o luns 21 ás 12:30 con ‘Fable TV’, unha recompilación das fábulas de Esopo dirixidas a nenos a partir de 3 anos. O martes 22 ás 12:30 horas será a quenda de ‘The Three Musketeers’, adaptación do clásico de Alejandro Dumas para nenos maiores de 5 anos. O peche será o mércores 21 ás 12:30 horas cunha adaptación do clásico da literatura universal ‘Robinson Crusoe’ para nenos a partir de 8 anos.