Música

Escuchando Elefantes

ESTREA

 

Escuchando Elefantes son dúas voces que chegaron a soar como unha.

A dinámica e forza que transmiten ao público coas súas cancións débese á paixón por tocar na rúa, na que se formaron como músicos. Recorreron Europa compartindo experiencias con músicos como os oscarizados Glen Hansard e Markéta Irglová, Paddy Casey, Damien Rice, Bono (U2), Lisa hannigan, Hozier, Kodaline e Sinead O’Connor, entre outros.

En 2012 publican o seu primeiro álbum de estudio editado de forma totalmente independente, recibindo unha xenerosa acollida por parte do público que encheu o aforo das salas. Acompañado dunha gran repercusión mediática, Show & Tell sonou nun gran número de países e festivais.

En 2014, despois de gravar en España, Irlanda, USA e UK, presentan o seu segundo traballo, Happy Lonely People, nun abarrotado Teatro Colón. Repetindo o éxito do seu primeiro álbum e engadindo nominacións e premios.

A finais de 2016 Silvia e Carlos cambian o formato da banda e comezan a intercambiar instrumentos no escenario tocando ambos baterías e guitarras, o que lles leva a un son máis eléctrico e enérxico. Nese mesmo ano realizan a gravación do seu terceiro álbum, Hope, publicado en marzo de 2017.

Antes de rematar 2017, mentres o grupo continuaba a súa xira, un accidente de coche en Francia paralizou a actividade de Escuchando Elefantes ata retomar os directos co ‘tour’ We are fine, thank you, como mostra de agradecemento ao apoio do público. Case a totalidade deses concertos pecharon con ‘sold out’.

En 2020 nace outro cambio de rumbo. A banda publica o single Ahora e anuncia un novo disco, ¿Por qué siempre cantáis en inglés?, o seu primeiro traballo en castelán, que se publicou o 19 de febreiro de 2021.