Festa da Música | Sumrrá: REVOLUTI8N

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Podemos mudar a nosa realidade. Facémolo de xeito individual a diario e témolo feito como especie. Sabemos que a música é unha canle de comunicación inmediata, directa, universal, primitiva e atemporal. Ademáis de cambiar a nosa química de xeito individual, modula o pensamento, a forma en que percibimos o mundo, e pode amosar novos referentes de interacción coa realidade que nos rodea. Por que non abordar desde a nosa música unha serie de posibles revolucións? Por que non dirixir o noso ritual da música ao vivo en comunidade cara camiños que provoquen cambios? Cambios en quen forma parte do noso ritual, en calquera forma e lugar, e cambios en nós… Será a música a forza sanadora do Universo? Será a música a forma de acceder ó autocoñecemento profundo e á Paz? Será a música a porta á Revolución?

A REVOLUCIÓN SERÁ INTERNA, OU NON SERÁ

Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e Lar Legido son SUMRRÁ. Tras 25 anos de recoñecida traxectoria internacional, o trío mais lonxevo da escena jazzística estatal presenta o seu novo oitavo disco: Revoluti8n. Un traballo de carácter intimista que levan ao vivo en colaboración coa artista visual Laura Iturralde e que entende a música como unha linguaxe universal capaz de provocar cambios profundos, abrindo a porta a unha revolución persoal e colectiva para convidarnos a conectar coa emoción, a conciencia e a paz.

  • Manuel Gutiérrez, piano
  • Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo
  • Lar Legido, batería e obxectos sonoros

 

  • Xurxo Pinheiro, técnico de son
  • Laura Iturralde, deseño escénico e lumínico