Música

James Rhodes

ESPAZO DA BIODIVERSIDADE

 

“A música que interpreto nesta nova xira fálanos dos nosos mundos internos e externos. Desde a interioridade de Beethoven e a espiritualidade de Chopin ata o alegre e grandilocuente mundo de Bach, mergullarse no universo destes grandes compositores bríndanos unha oportunidade única para escapar do mundo cada vez máis tolo no que vivimos e recargarnos un pouco as pilas”.

Carismático, visceral e moi talentoso, James Rhodes asegura que Bach salvoulle a vida. Así nolo explicaba no prólogo do seu primeiro libro, “Instrumental. Memorias de música, medicina e tolemia” (7ª edición, máis de 100.000 exemplares vendidos), co que obtivo un enorme e inesperado éxito.

Rhodes converteuse nun dos principais divulgadores da música clásica no mundo, grazas ás súas xiras e concertos en todo tipo de festivais e salas, e varios documentais sobre a súa figura filmados coa complicidade de cadeas de televisión británicas.

O seu libro máis recente, “Fugas” –”Fire on all Sides” na súa edición en inglés–, repasa unha das súas xiras máis importantes e recolle as vivencias, medos e derivas emocionais do seu día a día, sempre rodeado da música que tanto ama.

Reverenciado pola crítica polo seu estilo irreverente e innovador, Rhodes achega un toque moi persoal a cada unha das súas actuacións. E a súa actuación deste ano na Coruña, promete ser máxica, sen dúbida, e non deixará a ninguén indiferente…–