Zarzuela

La verbena de la paloma, con gala sorpresa

PROGRAMACIÓN LÍRICA DA CORUÑA 2020

 

Nuns tempos tan convulsos como os que estamos atravesando, cremos indispensable tentar ofrecer, no agardado regreso aos escenarios, espectáculos que nos permitan recuperar o optimismo e as ganas de retomar esas experiencias que algún día nos fixeron felices nos teatros. Por iso quixemos programar agora unha das obras maestras do repertorio lírico español, favorito do público, La verbena de la Paloma, de Tomás Bretón, que ademais de permitirnos contar cun amplo reparto de estupendos artistas líricos españois e galegos ofrécenos a posibilidade de incluír unha sorpresa engadida.

No elenco figurarán algúns dos mellores cantantes de hoxe neste repertorio, comezando pola soprano vasca Vanessa Goikoetxea, ex membro da prestixiosa Semper Opera de Dresde e cunha carreira en pleno auxe que a levará proximamente ao Covent Garden londinense. Con ela estará o barítono coruñés Borja Quiza, que regresa aos nosos escenarios despois do seu enorme éxito como Lamparilla na nova produción de El Barberillo de Lavapiés no Teatro de la Zarzuela de Madrid que esta próxima tempada ofrecerase tamén na Maestranza de Sevilla e que proximamente regresará ao Teatro Real tras o seu magnífico Belcore da anterior. Outro barítono galego, o vigués Luis Cansino, tras a súa Traviata deste mesmo verán no Real madrileño, asumirá aquí por primeira vez a personaxe fundamental de don Hilarión. E con eles estarán a estupenda mezzo catalana Carol García (recordada Rosalía no noso último Barbiere), o novo baixo compostelán Alejandro Baliñas, a mezzo Laura Vila, o tenor coruñés Pablo Carballido e o barítono ferrolán Gabriel Alonso Díaz, entre outros.

Da posta en escena encárgase o novo e talentoso director de orixe lucense Emilio López, que ofrecerá unha nova visión da peza de Bretón adaptada aos nosos tempos actuais, respectando ao máximo toda a esencia musical e o espíritu do orixinal. Nesta ocasión, contaremos coa orquesta de mozos e excelentes músicos galegos formados nos conservatorios da nosa comunidade, a Orquesta Gaos, e o seu Coro, que nos leva acompañado en numerosas ocasións nestes últimos anos. Na dirección musical faremos debutar a un músico coruñés, Fernando Briones, titular da Gaos, con sólido e acreditada experiencia en numerosos concertos, tanto sinfónicos como líricos.

Tradicionalmente, en representacións históricas, La verbena de la Paloma solía incluír no seu desenvolvemento unha gala na que tanto os propios cantantes principais como outros invitados adoitaban interpretar pezas para a ocasión. Na Coruña, recrearemos agora esa fermosa tradición, inspirándonos tamén no espíritu doutra célebre gala, teatro dentro do teatro, que adoita celebrarse en ocasións especiais en El murciélago, de J. Strauss.    

Nos dous días fixados para estas representacións celebraranse, como parte intrínseca do desenvolvemento de La Verbena, sendas galas nas que ao protagonistas da zarzuela sumaranse outros convidados, chegados desde distintos lugares especialmente para a ocasión a modo de sorpresa. Por tanto, os intervintes e o programa só os coñecerá quen asista ás representacións. Ningunha das dúas galas será igual, tampouco os convidados, entre os que se atoparán algúns dos mellores cantantes do circuíto nacional e internacional interpretando un repertorio que incluirá ópera, zarzuela e musical.


DATAS E HORARIOS

  • Venres, 4 de Setembro de 2020 | 20:00
  • Sábado, 5 de Setembro de 2020 | 20:00

FICHA ARTÍSTICA

  • Vanessa Goikoetxea
  • Borja Quiza
  • Laura Vila
  • Carol García
  • Luis Cansino
  • Pablo Carballido
  • Nuria Lorenzo
  • Orquesta y Coro Gaos
  • Fernando Briones, dirección musical
  • Emilio López, dirección escénica