Música

Maio Jazz | Pablo Sanmamed Trío, ft Benjamín Otero: concierto de presentación del disco ‘Zugunruhe, inquietud migratoria’

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed sempre tivo moitas funcións mais no corazón de todo o que fai. É, ante todo, un artista e un músico. Un contrabaixista cunha interpretación sinxela e conmovedora, capaz de irradiar unha beleza reflexiva, mais tamén un compositor e líder de banda que creou un mundo sonoro rico e propio. Un son que se funda na herdanza do jazz de autor, a world music e as influencias da música contemporánea e a cinematográfica. Incluso as tomadas da arte, a fotografía ou a literatura, coas que consegue crear algo exclusivamente seu: unha música que ten as súas raíces en Santiago de Compostela, pero que se fundamenta en inspiracións globais.

Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta neste 2023 o seu terceiro álbum de estudo baixo o título de Zugunruhe: un comportamento ansioso, que se dá nos animais migratorios aos que se lles impide migrar, especialmente nas aves. Este concepto motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia desa necesidade de movemento. Sorprende a incorporación do oboe e o corno inglés do reputado Benxamín Otero ao seu habitual trío de Jazz, conformado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.