Fin de semana musical con Mocedades e Javier Elorrieta

Esta fin de semana a música será a protagonista no Teatro Colón coas actuacións do grupo Mocedades o venres 19 e de Javier Elorrieta o sábado 20, os dous concertos serán ás 21:00 horas.

O grupo Mocedades, capitaneado pola súa fundadora Izaskun Uranga, celebra o seu 45º aniversario cun concerto no que repasarán os grandes éxitos deste mítico grupo como ‘Eres Tú’, ‘Amor de hombre’, ‘Tómame o déjame’ entre outros. Mocedades comezou a súa andaina a finais dos sesenta en Bilbao, ‘Eres Tú’ – canción coa que representaron a España en Eurovisión en 1973-  foi o tema que os catapultou a nivel internacional e os converteu en todo un fenómeno musical nas décadas dos setenta e oitenta.

As irmáns Uranga: Amaya, Izaskun e Estíbaliz, fundaron o grupo baixo o nome Voces y Guitarras, que máis tarde pasaría a denominarse Mocedades. Izaskun é a única que queda do grupo orixinal, despois de que en 1984 Amaya iniciara a súa carreira en solitario.

Fusión de canción francesa e jazz

O director de cine Javier Elorrieta amosaranos este sábado 20 a súa faceta musical con ‘Temps D’aimer, El Tiempo del Amor’, un traballo no que fusiona canción francesa e jazz.

Ademais do cine, a música acompañouno sempre ao longo da súa vida: rockero, blusero, amante do jazz e do bossa, compositor de música para cine e televisión, etc Elorrieta centrouse na súa gran paixón: fusionar o jazz e a canción francesa. Froito disto, en 2009 gravou o seu primeiro álbum ‘Ne me quitte pas’ ao que serguirían ‘Boheme’ (2011), ‘Souvenir, souvenir’ (2013) e ‘Temps d’aimer’, o seu último proxecto que presentará este sábado en concerto no Teatro Colón.