Morfeo Teatro une a Cervantes e Picasso na súa última montaxe

Morfeo Teatro é unha das compañías máis relevantes do panorama teatral clásico. Despois de presentar na Coruña ‘La sombra del Tenorio’ e ‘La escuela de los vicios’, este sábado 9 ás 20:30 horas poñen en escena ‘El Retablo de las Maravillas’ de Cervantes. O domingo 10 ás 20:00 horas Talía Teatro volve con todo un clásico do teatro galego que percorreu a nosa xeografía ao completo dende que se estreara en abril de 2003, ‘Bicos con Lingua’.

retablo maravillas 12

Durante a función de ‘El Retablo de las maravillas’ volverá a poñerse en marcha o programa Cultura en Familia, un voluntariado cultural en colaboración coa UDC que ofrece ás familias que non teñan con quen deixar aos cativos unha oportunidade para o ocio. Mentres os pais ou titores asisten á función os nenos realizarán distintas actividades con alumnos de Educación Social da UDC, o programa vai dirixido a nenos de entre 3 e 10 anos.

Morfeo Teatro asume con ‘El Retablo de las Maravillas’ un dos seus proxectos máis singulares e ambiciosos, unha cruel sátira baseada nunha selección de obras do autor de El Quijote e que ten como peza principal o famoso entremés cervantino. A obra é unha sátira sobre as hipocrisías da España da época, os mandatarios dun pobo, ante un retablo baldeiro que amosan uns cómicos, e que é aparentemente máxico por non ensinar nada a sucios de sangue ou bastardes, simulan ver o que non ven para demostrar que son xentes ‘de ben nacer’.

Dirixida por Francisco Negro e cun elenco de sete actores: Francisco Negro, Mayte Bona, Felipe Santiago, Adolfo Pastor, Santiago Nogués, Mamen Godoy e Joan Llaneras (Premio Ercilla de Teatro que protagoniza a Cervantes), a obra dá conta dos principios e a idea de xustiza de Cervantes: a honestidade, o repudio da avaricia e a denuncia dos abusos dos poderosos. O espectáculo preséntase como unha provocación visual e intelectual, a escenografía é unha reinterpretación do Guernica de Picasso, amósase o famoso cadro sen personaxes.

Trece anos repartindo ‘Bicos con Lingua

O domingo 10 a compañía Talía Teatro presenta ‘Bicos con Lingua’, un dos espectáculos máis lonxevos do teatro galego, convertido xa en todo un clásico despois de que se estreara o 25 de abril de 2003 no Teatro Principal de Santiago.

bicos2_0

Dirixido por Avelino González e interpretado por Toño Casais e Artur Trillo ‘Bicos con Lingua’ presenta distintas situacións relacionadas co uso do galego na vida cotiá. Divertido, fresco e comprometido o espectáculo recibiu o Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal e ao Mellor Actor Protagonista para Artur Trillo.

Con ironía e moito humor ‘Bicos con Lingua’ propón unha reflexión sobre a situación do idioma galego e os usos e abusos aos que se ve sometido de cotío. A compañía admite que ‘non é un exercizo de vitimismo, queremos afondar nun problema real e certamente preocupante’.