O Chicago Mass Choir rende homenaxe a B. B. King

Despois do seu paso por distintas cidades galegas o Festival Os Grandes do Gospel clausura esta edición no Teatro Colón cun concerto o mércores 23 de decembro ás 20:30 horas a cargo do Chicago Mass Choir. A programación de Nadal continuará con propostas dirixidas tanto a público infantil como adulto, as citas máis inmediatas serán o martes 22 co musical ‘El Mago de Oz’, o sábado 26 coa maxia de Jorge Blass e o domingo 27 co concerto para nenos ‘Pinturilla y la Pandilla Vainilla’.

‘A Spiritual Tribute to B. B. King’ é unha homenaxe do Chicago Mass Choir ao rei do blues e lenda da música popular americana. A formación de 18 compoñentes reproduce neste tributo a música puramente gospel que gravou o gran mestre en 1959, nun disco que publicou o selo CrownRecords e co que volveu ás tradicións das igrexas pentecostais da súa nenez.

Grandes clásicos, música e maxia para os máis pequenos

A programación de Nadal continúa con propostas dirixidas aos máis novos. O martes 22 os máis pequenos poderán gozar co clásico ‘El Mago de Oz’ en clave musical. Unha versión que mestura elementos do conto tradicional e da película con outros novos, para facernos entender que todo o que necesitamos está dentro de cada un de nós e que nunca debemos deixar de soñar.

ALL_9368

O sábado 26 ás 20:00 horas Jorge Blass presenta ‘El Arte de la Magia’ unha fascinante proposta que conta co selo R de espectáculo recomendado que outorga a Red de Teatros Española. O domingo 27 ás 18:00 horas viaxamos ao mundo dos soños con ‘Pinturilla y la pandilla vainilla’ un concerto cheo de cor dirixido a nenos e nenas a partir de 2 anos.

Haberá tamén oferta para o público adulto, o luns 28 ás 20:30 horas os amantes do coñecido popularmente como ‘género chico’ teñen unha cita cun gran clásico. A Compañía Lírica de Madrid pon en escena ‘La Verbena de la Paloma y Antología Lírica de la Zarzuela’. Esta compañía conta cunha longa experiencia no xénero lírico, no ano 2002 iniciou unha nova andadura da man do mestre Félix San Mateo coa intención de traballar un repertorio amplo de zarzuela da man dos mellores intérpretes.