SAEN Á VENDA AS ENTRADAS PARA INSOLACIÓN

O Teatro Colón xunto á Deputación de A Coruña e Producciones Faraute estrea Insolación, unha adaptación da novela de Emilia Pardo Bazán que ten á actriz María Adánez como protagonista. A obra poderá verse o venres 12 e o sábado 13 ás 20:30 horas, as entradas poden adquirirse dende hoxe a través das canles de venda habituais.

foto20
Luis Luque dirixe este texto de Pardo Bazán adaptado por Pedro Víllora. Insolación ten como protagonistas a María Adánez (El lápiz del Carpintero, Aquí no hay quien viva, La que se avecina), Pepa Rus (coñecida por dar vida a La Macu na serie Aida), Chema León (Hospital Central, Amar en tiempos revueltos) e José Manuel Poga (Grupo 7, La que se avecina). Insolación é, sen dúbida, un texto adiantado ao seu tempo que supuxo un gran escándalo e foi zorregado pola crítica, que o chegou a cualificar de pornográfico.

Unha defensa do dereito a decidir das mulleres
En Insolación, Emilia Pardo Bazán non só escribe unha fantástica historia de amor, senón que fai tamén unha depurada defensa do dereito a escoller das mulleres. Faino a través do personaxe de Francisca de Asís Taboada –interpretada pola actriz María Adánez- unha marquesa, viúva e, como a autora, galega afincada en Madrid. Pardo Bazán retrata unha sociedade na que as tradicións e o conservadorismo da aristocracia e a alta burguesía plantexan un clima asfixiante. A marquesa, aínda moza e atractiva, decidirá loitar polos seus desexos e ilusións e asumir a capacidade de pensar e decidir pola súa conta.

cartel_insolacion_big
Nos seis días que dura a acción coñecerá a Diego Pacheco, un mozo de boa familia con fama de conquistador e deixarase levar por el máis alá do socialmente aceptable para a época. Reflexionando sobre o inaceptable da súa actitude pensa en volver a súa Galicia natal; pero, finalmente, decide deixar de pregarse á moral sexual do entorno e, non só entregarse sen medo ao pracer, senón capitanear a relación admitindo que un debe intentar ser protagonista da súa propia historia.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.