Teatro familiar e un aniversario musical

A compañía Artestudio Teatro estrea ‘O Avó’ –un espectáculo para público familiar-  este sábado 25 ás 12:00 horas. Ese mesmo día o humorista Berto Romero presenta ‘Sigue con nosotros’ en doble función, ás 20:00 e ás 22:15 horas. E o domingo 26 ás 19:00 horas a Orquestra de Cámara Galega celebra o seu 20º aniversario cun concerto moi especial no que estarán acompañados da violinista Clara Jumi Kang e da Coral Polifónica El Eco.

‘O Avó’ é un espectáculo para toda la familia que reflexiona sobre o papel e a importancia que os avós teñen na educación dos rapaces. Interpretado por Ramiro Neira, que asina tamén a dramaturxia, a obra parte dos recordos que o protagonista ten do seu avó e do importante que este foi na súa vida. Ramiro Neira desenvolve a súa actividade como intérprete, produtor e docente no ámbito das artes escénicas, ten traballado en compañías como Espello Cóncavo, Teatro da Lúa, CasaHamlet, etc. Actualmente compaxina o seu traballo como docente, actor e director coa coordinación de diferentes proxectos do Concello da Coruña e do Fórum Metropolitano como o Programa Horas Punta, Mostra de Teatro Escolar e Encontros de Teatro Independente da Coruña.

Ramiro_Color

A Orquestra de Cámara Galega cumpre vinte anos en activo

O domingo 26 ás 19.00 horas a Orquestra de Cámara Galega celebra o seu 20º aniversario sobre os escenarios cun concerto moi especial no que estará acompañada da recoñecida violinista coreana Clara Jumi Kang e da Coral Polifónica El Eco.

O variado programa do concerto inclúe as Catro Estacións de Vivaldi e unha segunda parte coa fermosa Misa Brevis de Gounod e obras do compositor galego Rogelio Groba, referente da actividade artística da orquestra nestes vinte anos.

Clara_Jumi_kang_PEQ

Para celebrar esta sinalada data a orquestra contará coa presenza estelar da violinista Clara Jumi Kang, todo un referente no ámbito da música e gañadora de concursos como o de Seoul, Sendai ou Indianapolis. Ten traballado con orquestras como a Tokyo Orchestra, Moscow Philharmonic, Viena Chamber Orchestra ou Seoul Philharmonic, entre outras. Está considerada polo Donga Times, o xornal máis prestixioso do seu país, como unha das 50 persoas máis influintes no futuro de Corea do Sur. O domingo fará o seu debut en Galicia nesta colaboración tan especial coa Orquestra de Cámara Galega.