A compañía de danza-teatro en intregración 5s presenta este venres 1 ‘Sueños y Zapatos’

Este mércores 29 de xuño ás 21:00 horas a Escola de Danza Druída clausura o curso académico coa presentación de ‘La bella y la bestia’, unha proposta na que participan todos os alumnos do centro de entre 4 e 16 anos. O xoves 30 ás 20:30 horas iníciase o Ciclo de Teatro Afeccionado Candilejas Don Bosco coa obra O lago dos cisnes’ do CEIP Emilia Pardo Bazán.

A programación continúa o venres 1 de xullo ás 21:00 horas coa obra de danza-teatro ‘Sueños y Zapatos’. Unha montaxe da compañía en integración 5s na que participan persoas con e sen discapacidade. Carlota Pérez dirixe esta proposta que nos fala dos soños que cada un de nós construímos vistos dende un zapato que conta a historia. ‘Sueños y Zapatos’ é unha visión de nós mesmos e dos demais, unha necesidade do home de comunicarse e de buscar refuxio nos outros. Ao remate da función abrirase un coloquio co público para dar a coñecer o traballo da compañía en torno á integración de persoas con discapacidade dentro das artes escénicas.

O sábado 2 de xullo ás 20:00 horas estrease a presentación da ópera ‘A Raíña Lupa’ con música e dirección de Fernando V. Arias e libreto Xoán Pérez. Será un concerto presentación das arias, dúos, tríos, cuartetos e coros da ópera galega a cargo dos intérpretes Teresa Novoa, Javier Palacios, Diego Neira, Axier Sánchez, Clara Jelikovschi, Alba López, Mª José Ladra, Gabriel Alonso e a Coral Polifónica El Eco.

A programación desta semana péchase o domingo 3 de xullo ás 20:30 horas co concerto do grupo Amizades, unha das formacións corais máis sólidas do panorama que amosará o seu estilo propio, persoal, fresco e único baseado en obras folclóricas, baladas e boleros.