CONEXIÓNS - Cine

Cine Concerto – Gala inauguración (S8)

VOICES OF LIGHT / A PAIXÓN DE JUANA DE ARCO

A novena edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico inaugúrase cun cinema concerto, protagonizado por unha das obras máis emblemáticas, emocionantes e rotundas da historia do cinema: A paixón de Juana de Arco, do danés Carl Theodor Dreyer, en conxunción coa brillante Voices of Light, partitura do prestixioso compositor estadounidense Richard Einhorn interpretada polo Coro e a Orquestra Gaos. O rostro da Juana de Arco trémula, axuizada e condenada de Dreyer encherá a pantalla do Teatro Colón no seu máximo esplendor, nunha versión restaurada que recupera a montaxe orixinal de Dreyer estreado en 1928, coa sobrecolledora música (onde as voces son protagonistas) de Einhorn, na que se entretecen visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos que debuxan o clima espiritual no que Juana de Arco foi concibida.