Música

O son da palabra galega

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA. DÍA EUROPEO DA MÚSICA 2021

 

Soledad Vidal Devesa (soprano) e Aurelio Viribay Salazar (pianista)

Recital lírico centrado no xénero da Canción de Concerto, que supone unha das unións máis sublimes e fermosas entre poesía e música.

Este xénero tivo o seu máximo esplendor na primeira metade do século XX, dada a proliferación de compositores interesados por el e a intensa creación musical neste ámbito. Unha boa parte dos máis destacados recorriron á poesía galega para as súas cancións.

O programa abarca dúas liñas creativas. Por un lado, cancións inspiradas no folclore popular galego, rescatadas polos compositores coa intención de enriquecelo e actualizalo; e por outra parte, unha antoloxía de cancións de compositores tan importantes do século XX como E. Toldrá, J. Rodrigo, F. Mompou ou Antón García Abril, baseadas nos textos dalgúns dos poetas máis emblemáticos da literatura galega: Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Vicente Risco ou Celso E. Ferreiro, entre outros.

O resultado desta “asociación artística” son creacións únicas, cheas de matices, nas que a música ponse ó servizo do texto e este cobra unha dimensión nova. As palabras de amor e desamor, de paixón e saudade pola terra, de esperanza, de humor e comicidade dos poetas galegos soan con intensidade e cunha beleza que trascende á propia palabra.

Estamos ante un proxecto caracterizado pola fondura e variedade das súas cancións, que o pianista Aurelio Viribay interpreta cunha sensibilidade e maestría únicas. En canto á soprano Soledad Vidal, a súa vinculación vital e emocional coa cultura galega fai que o repertorio cobre unha intensidade e entrega ante as que o público non pode máis que emocionarse; en definitiva, un proxecto que consegue captar e transmitir a esencia galega.