Danza

Festigual | Arte a Escena

FESTIGUAL 2026

 

A danza, a música en directo e as artes plásticas únense nunha viaxe polas vangardas artísticas do século XX. Dirixida por Carlota Pérez, a proposta reúne sobre o escenario intérpretes con e sen discapacidade, músicos da Nova Banda Rural e a cantante e compositora Su Garrido. A través do corpo, a música, os textos e os audiovisuais, o espectáculo percorre movementos como o cubismo, o futurismo, a Bauhaus ou o surrealismo e achégase ao universo de artistas como Van Gogh, Kandinsky ou Chagall. Unha peza de danza-teatro para todos os públicos que transforma o escenario nun espazo de cores, formas e movemento.

Experimentadanza, Su Garrido e a Nova Banda Rural
A Nova Banda Rural é un proxecto de creación musical que reúne sete mozos e mozas procedentes de diferentes zonas rurais de Galicia. A través da composición e da creación colectiva, traballan na produción de cancións propias vinculadas á súa identidade e aos seus territorios. O proxecto conta coa mentoría de artistas como Mónica de Nut, Su Garrido, Davide Salvado, Steven García e Sumrrá, apostando pola formación e a creación musical fóra dos grandes centros urbanos. Su Garrido é cantante, música e compositora galega. A súa música transita por xéneros como a bossa, o folk, o jazz ou os ritmos latinos, cunha forte conexión coas súas raíces. Tras formar parte de diferentes proxectos musicais, en 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Quedo a vivir aquí, que levou de xira por Galicia, Portugal e Irlanda. En 2022 publicou o seu segundo traballo, Patios de luz. Carlota Pérez é coreógrafa, bailarina e historiadora da arte, e dirixe desde 2003 a súa propia compañía profesional de danza. Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosos intérpretes e coreógrafos e desenvolveu unha parte importante do seu traballo arredor da danza inclusiva e a creación comunitaria. É tamén directora do Encontro das Artes pola Integración, na Coruña, e do Festival Sacra, dedicado ás artes na natureza na Ribeira Sacra.


Accesibilidade

  • Función relaxada
  • Pictogramas
  • Lectura fácil
Prezo: De balde ata completar aforo.



DATAS E HORARIOS

  • Mércores, 18 de Novembro de 2026 | 20:30