CONEXIÓNS -Danza / Música

Gala 75 Anos de Folclore

Asociación de Coros e Danzas EIDOS

O Grupo de Baile da Asociación de Coros e Danzas EIDOS organízase e créase na Coruña no ano 1942, dentro do que daquela eran os “Coros y Danzas de la Sección Femenina”. Coa desaparición destes como organización e coa creación do Ministerio de Cultura, o grupo Eidos pasa a depender deste durante un breve espazo de tempo e intégrase, posteriormente, na Asociación Provincial de Coros e Danzas da Coruña. Esta asociación ten as súas orixes no ano 1973 foi fundada polos antigos compoñentes do grupo e polos que, naquel momento, formaban parte del, e no ano 1976 é definitivamente legalizada. No ano 1982 a Asociación adopta e engade ao seu nome o patronímico Eidos, que xa viña utilizando o grupo de baile nas súas actuacións.

Desde o momento da súa creación, esta entidade dedicouse ao estudo, investigación, conservación e divulgación do folclore galego, especialmente no referido a baile, música, canto e indumentaria tradicional. Froito deste labor de tantos anos é a gran cantidade de bailes que figuran nos seus arquivos, moitos deles debidamente documentados nos seus historiais e músicas. Tamén se conservan nos arquivos de Eidos unha boa mostra de partituras musicais e coplas, recollidas directamente polos compoñentes do grupo nun importante traballo de investigación. Respecto á indumentaria tradicional, Eidos posúe unha importante colección de pezas orixinais de diversas comarcas de Galicia e que estiveron, durante varios anos, expostas no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, encargándose hoxe a propia Asociación da súa custodia.

Ao longo da súa historia EIDOS organizou e colaborou en concursos infantís e xuvenís de baile, conferencias, coloquios, exposicións, cursos de baile e de didáctica do mesmo, mostras de traxes, etc., e mostrou o noso folclore por todo o territorio español e por todo o mundo. Na actualidade forma parte da FEDERACION DE ASOCIACIONES DE COROS Y DANZAS DE ESPAÑA (FACYDE) e organiza, co patrocinio do Excmo. Concello da Coruña, o FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE “CIDADE DA CORUÑA”, membro activo numerario de CIOFF-España.

Prezo: Gratuíto, é necesario retirar a entrada na web de Ataquilla ou na billeteira do Teatro. Consultar horario da billeteira na zona entradas desta mesma web.



DATAS E HORARIOS

  • Domingo, 21 de Xaneiro de 2018 | 20:00