Circo

Inventio

Inventio é un espectáculo familiar de gran formato, no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Inventio é unha viaxe sensorial, un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena futurista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, cun ritmo vertixinoso, nunha gran produción con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve.

A historia

2094. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha.

Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Prezo: 13€ | 15€ | 18€ | 20€ | 25€



DATAS E HORARIOS

  • Venres, 13 de Xaneiro de 2023 | 20:00
  • Sábado, 14 de Xaneiro de 2023 | 17:00
  • Sábado, 14 de Xaneiro de 2023 | 20:30