Música

María Arnal e Marcel Bagés

Ciclo Selección Noroeste

Co seu álbum de debut, “45 cerebros y 1 corazón” (Fina Estampa, 2017), incluído nas listaxes dos mellores discos de 2017 nos medios máis influentes do sector, Maria Arnal i Marcel Bagés deixaron de ser unha promesa para se converteren nunha das realidades máis sólidas da música. Foi, abofé, un paso de xigante na fulgurante traxectoria dun dúo que conta os seus directos por abducións e que, a partir dunha feiticeira mestura de emoción, actitude e talento, deixa un rastro de seguimento incondicional alá onde pasaren.

O abafador eloxio da crítica ao seu primeiro traballo foi tamén secundado por premios como o Ciutat de Barcelona de Música, o Premi Altaveu ou o Premio ARC ao artista revelación. Desde a publicación de “45 cerebros y 1 corazón” en abril de 2017, Maria Arnal i Marcel Bagés ofreceron máis de 70 concertos, esgotando entradas en Barcelona, Madrid, Zaragoza, Burgos ou A Coruña, onde agora regresan para enmeigaren o público do 32 Noroeste Estrella Galicia a ritmo do seu magnético folk, íntimo e comprometido. Con el visitaron tamén Francia, Portugal, Rusia, Bulgaria e Casaquistán, demostrando que a autoría encaixa á perfección no seu proxecto de continuación da cadea de transmisión da música popular.

Prezo: Principal (fila 1): 8€ / Principal: 11€ / Palcos laterais: 14€ / Palco central e platea: 18€



DATAS E HORARIOS

  • Xoves, 15 de Novembro de 2018 | 20:30