Música

Mulleres enredadas. Coplas e alalás

Especial contra a violencia de xénero

Con Carmen París, Martirio, Uxía e Ugia Pedreira.

Este espectáculo nace co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.

A afinidadade que senten ven dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raiz e da irmandade.

O jazz flamenco de Martirio, e a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense para celebrar a madurez artística das catro.

Teñen en común moito maís do que parece a simple vista. Todas loitaron por un labor necesario de reconversión da canción popular española, da copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais…

Comparten tamén a creatividade e o compromiso coa música. Son letristas ou amantes da boa poesía, das cancións de onte, de hoxe e de sempre. Rodéanse de grandes músicos e beben directamente da mellor tradición do cancioneiro latinoamericano.

Hai na música de todas elas lixeireza, non exenta de ambición, “jondura” ou beleza. Intercambiarán repertorio e cantarán xuntas nun acto de admiración mutua e de amizade.

Este espectáculo amosaranos a catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímiles.

Abordarán musicalmente o repertorio arroupadas polas guitarras de Sérgio Tannus e Marcos Teira, creando texturas ben curiosas entre as cordas que as acompañarán, as voces, as percusións e o piano de Carmen Paris.

Músicos:

Marcos Teira: guitarra eléctrica e española.
Sérgio Tannus: guitarra española, viola caipira e percusións.

Prezo: Principal (fila 1): 12€ / Principal: 14€ / Palcos laterais: 18€ / Palco central e platea: 20€



DATAS E HORARIOS

  • Xoves, 22 de Novembro de 2018 | 20:30