Música

Pablo Castaño Quartet feat. Ugia Pedreira

ESTACIÓN DE JAZZ A CORUÑA

Presentación do disco A-la-láa

A-la-láa explora desde a linguaxe do Jazz as melodías e modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega. Adaptacións, composicións propias e versións en formato de cuarteto coa colaboración vocal da grande Ugia Pedreira en dous temas. O cuarteto de Pablo Castaño, de tradición jazzística, está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Atópase influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos, dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc. O álbum bebe de fontes rigorosas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, ou o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.

  • Pablo Castaño: Saxo
  • Yago Vázquez: piano
  • Max Gómez: batería
  • Demian Cabaud: Contrabaixo
  • Ugia Pedreira: Voz

ESTACIÓN DE JAZZ

Esta Estación de Jazz da Coruña, a cabalo entre o inverno e a primavera, trae ao Teatro Colón catro das máis destacadas propostas xeradas na trepidante e prestixiosa escena galega do jazz.

Nesta particular estación poderemos mergullarnos na nova posta en escena de Sumrrá, presentando o seu novo disco coas videocreacións de Laura Iturralde.

Tamén darán a coñecer as súas novidades discográficas dous dos nomes máis sólidos da escena ibérica, Pablo Sanmamed Trío e o Pablo Castaño Quartet, que estará acompañado pola cantora Ugia Pedreira.

O concerto especial de apertura corre a cargo de Naima Acuña Project. Nel poderemos escoitar as novas composicións da prestixiosa batería coruñesa coa participación do artista internacional Simon Moullier.