DÍA DAS LETRAS - Teatro

Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos

Matrioshka Teatro

Este espectáculo é un percorrido pola vida e obra de María Victoria Moreno Márquez que se describía a si mesma coma unha señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos. Queremos lanzar, un convite aberto a todos os públicos que busquen- precisen-disfruten, de universos de imaxes e letras, de mulleres que viaxan a contracorrente, de accións e camiños por camiñar.

Escritora, mestra, loitadora, artista, defensora da lingua, María Victoria Moreno é pioneira da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, mestra apaixonada polo ensino, namorada da boa literatura, e de escoitar e falar cos cachorros dos humanos, como lle gustaba chamar ao seu alumnado.

Sementadora de futuro que exploraba camiños diferentes para mundos mellores coa previsión de advertir das paisaxes fermosas ou das cárcavas perigosas ás xentes que veñen detrás.

Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos mete os pés no teatro e camiña no escenario da man de María Victoria para revelar estados de ánimo, ilusións, medos, incertezas e esperanzas, porque nós cremos, coma ela, que as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos.

 

Prezo: Gratuíto, é necesario retirar a entrada na web de Ataquilla ou na billeteira do Teatro. Consultar horario da billeteira na zona entradas desta mesma web.



DATAS E HORARIOS

  • Mércores, 16 de Maio de 2018 | 20:30