Rolda de prensa palabra de muller proxecto quimions

A Asociación Comercial Zona Obelisco e Proxecto Quimions unen forzas na gala Palabra de Muller

  • O xoves 24 de novembro o Teatro Colón acolle esta gala benéfica que contará coa actuación do dúo musical In Femenino Plural –formado por Silvia Penide e Carla López-, e as humoristas Yésica Val, Adelaida Pittaluga, Diana Sieira, Iria Mourón, Marta Mato e Sara Escudero.

 

Mellorar o día a día dos rapaces e rapazas con cancro, este é o fin último de Proxecto Quimions, unha iniciativa conducida por Patricia Campos que busca agora traballar na humanización de diversas áreas do Hospital Materno Infantil. E para conseguilo, Proxecto Quimións e a Asociación Comercial Zona Obelisco únense para por en marcha a Gala Benéfica Palabra de Muller, un espectáculo conducido por nove artistas que encherá de risas e música o Teatro Colón o vindeiro xoves 24, e que foi presentado hoxe en rolda de prensa pola propia Patricia Campos, Antonio Amor –Presidente da Asociación Comercial Zona Obelisco-, e os artistas Yesica Val e Carlos Bau.

Rolda de prensa palabra de muller proxecto quimions

Este evento, enmarcado na semana da violencia de xénero, pretende poñer voz ás mulleres en clave de humor. A súa intención é fomentar a colaboración dos cidadáns coa Asociación Proxecto Quimions, que destina todo o seu esforzo a facilitar e humanizar o día a día dos pacientes oncolóxicos de todas as idades na cidade.

Tal e como explicaba Patricia Campos, impulsora do Proxecto Quimions, “a colaboración entre o Proxecto Quimions e Asociación Comercial Obelisco está sendo esencial, coa cesión dun espazo no Centro Comercial Papagayo para o noso proxecto, e agora implicáronse nesta gala con todas as súas forzas”.

Para Antonio Amor, Presidente da Asociación Zona Comercial Obelisco, esta unión era algo natural “quixemos involucrarnos dende o primeiro momento, e colaborar na medida do posible”.

Con estes fíos teceron a base para unha gala que estará conducida por María Solar e contará coa participación do dúo musical In Feminino Plural –formado por Silvia Penide e Carla López-, Yésica Val, Adelaida Pittaluga, Diana Sieira, o dúo cómico formado por Iria Mourón e Marta Mato e Sara Escudero.

As entradas están xa a venda a un prezo de 10€, sen distinción de espazos “porque o que buscamos e que a xente se implique e colaboren enchendo o teatro, apoiando ás artistas que esa noite subirán ás táboas”, en palabras de Patricia Campos.

Na rolda de prensa estiveron tamén presentes Yésica Valm, unha das humoristas participantes, e Carlos Bau, músico coruñés e compositor do tema da campaña Quimions.